Homenaxes a Amando de Ossorio e ciclos de cine traen o medo á Coruña

Chegou o terror

Se a semana pasada A Coruña homenaxeaba ó seu máis famoso director de cine de terror, Amando de Ossorio, coa estrea dun documental sobre a súa vida, esta semana unha película súa pechará o ciclo de cine de terror que se vén desenvolvendo na cidade. E por se os amantes do xénero no tiñan de abondo, o Centro Galego de Artes da Imaxe inclúe na súa programación de novembro, un ciclo sobre Cine Fantástico e de Terror Xaponés.

Documental



Logo da súa morte, no mes de xaneiro deste ano, Amando de Ossorio comeza a ver recoñecido o seu labor coma director de cine. O pasado martes presentouse no paraninfo da Universidade da Coruña o documental de Xosé Zapata "Amando de Ossorio, o derradeiro templario". Este filme recolle entrevistas con amigos e compañeiros de traballo do director coruñés, así coma fragmentos dos seus filmes, incluíndo esceas inéditas, e documentos cinematográficos da época en que deenvolveu o seu traballo, entre 1942 e os anos setenta.
Xosé Zapata empregou para o seu documental o material recollido durante as múltiples entrevistas que fixo durante toda a súa vida ó seu director e amigo.
Segundo Xosé Zapata, a Televisión de Galicia xa comprou esta producción e está previsto que a emita dentro dun ciclo homenaxe no que se proxectarán algunhas das películas realizadas por Ossorio.
A actividade cinematográfica de Ossorio desenvolveuse fundamentalmente nos xéneros do terror e a fantasía de serie B, con títulos coma "A noite do terror ciego" ou "O ataque dos mortos sen ollos".

Terror na Universidade


O Servicio de Extensión Universitaria e o Concello da Coruña veñen programando durante o último mes a sexta edición da Mostra de Cine de Terror e Ciencia Ficción. A recta final desta mostra, que coincide esta semana, rematará o vindeiro venres co filme "O ataque dos mortos sen ollos", realizada por Amando de Ossorio en 1973.
O resto das películas que se proxectarán esta semana intégranse nun ciclo dedicado á productora Hammer, especializada neste tipo de filmes e que acadou o seu máximo esplendor nos anos setenta. Así, poderán verse clásicos coma "Curse of the mummy´s tomb", "The Gorgon" ou "Creping flesh". As proxeccións realizaranse na Escola Superior da Mariña Civil en Riazor a partir das oito e media da tarde, sendo a entrada libre.

Terror xaponés e outras cousas

E seguindo na Coruña, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) préstalle tamén atención ó cine de terror na súa programación de novembro. Máis concretamente, o ciclo Cine Fantástico e de Terror Xaponés poderá verse no local da rúa Durán Loriga ata o día trinta deste mes. As películas inclúen clásicos da serie B coma "Godzilla contra os monstros" ou "Asalto á terra", onda outras coma "O alén" ou "O círculo".
Simultaneamente a este ciclo, continúan en marcha este mes os dedicados a cine e video dixital e o de producción galega, coa proxección de "Te king is alive"-Dogme #4" e da curtametraxe "O Ramo" respectivamente.
Tamén se poderán ver durante este mes os tres filmes que compoñen o ciclo sobre Joseph L. Mankiewicz, "All about eve", "Julius Caesar" e "The Barefoot Contessa". Todo por só duascentas pesetas a sesión.