O teatro é o protagonista con mostras en Vilalba e Carballo e cursos en Arzúa

Amosando e aprendendo

Dúas mostras e un curso. Desde xeito se resumen as novidades do cartel teatral destes días en Galicia. Por unha banda temos que falar de Carballo, onde desde o luns se celebra a mostra de teatro habitual nestas datas do ano. E se falamos de mostras imos ata Vilalba, que mañá tomará o relevo teatral con sete representacións que se sucederán ata o 24 deste mes. E por último, unha de cursos, os que organiza a entidade Ánxel Casal para estudiantes durante todo este curso. Outono teatral.

Nomes, obras e premios en Carballo


Desde estes luns a capital de Bergantiños acolle unha nova edición da mostra de Teatro. Unha exhibición habitual en Carballo e que trae á vila grupos do panorama teatral galego e internacional. Onte foi o turno dos madrileños Ylliana Teatro, que levou a escea un particular concerto plagado de sentimentos (filias, fobias e enfrontamentos entre catro musicómicos) que tivo unha boa acollida polo público. Esta formación madrileña foi a primeira en recibir o premio do público hai cinco anos cando se constituíu este galardón. Un premio que este ano recaeu en Sarabela Teatro pola representación que fixo no 2000 de "O lápis do carpinteiro". O pasado martes, cando veu a recoller o seu premio, fixo as delicias dos asistentes cunha adaptación libre da obra de Calderón "A vida é soño" que titulou "Sexismunda".
A décima edición do certame do Outono de Teatro,q eu organiza a Asociación Cultural Telón e Aparte, clausurarase mañá co espectáculo cómico "Exceptions to gravity" do grupo americano Avner the Eccentric.

O relevo teatral en Vilalba


E se a mostra de Carballo chega ó seu fin, xa está a de Vilalba para acoller o testemuño. Mañá empeza a exhibición vilalbesa que organiza o concello e que se prolongará durante os días 9, 10, 11, 16,17, 23 e 24. Ás nove da noite no auditorio da localidade da Terra Chá, o grupo lucense "Nova Escena" será o encargado de abrir o certame. E para esta ocasión de excepción seleccionou a obra "Albo Neves e as Sete Perdidiñas", unha versión traxicómica do mito de Branca Neves. Logo chegará a asociación Falcatrueiras de Monterroso para interpretar "As criadas" de Jean Gonet. O domingo chegarán os "Amigos de Teatro" de As Pontes con "O menciñeiro a paus".
Unhas representacións que se levarán no auditorio ás no ve da noite polo prezo de 1.20 euros (200 pesetas).

E para aprender... en Arzúa

Ricardo Barreiro, actor de "Mareas Vivas" e de "Terra de Miranda", será o profesor do curso de artes escénicas que durante este curso se desenvolve en Arzúa. E unha iniciativa da entidade Ánxel Casal coa que pretende achegar dun xeito práctico as formas escénicas e as súas variantes ós máis pequenos. O curso terá un ano de duración e os alumnos iniciaranse en técnicas de dicción e expresión corporal.
O resultado final dun ano de traballo será a realización dunha representación que coincidirá co Día das Letras Galegas. Un acto semellante ó celebrado o ano pasado durante as festas do Carme, cando escenificaron "Pilleite Carapuchiña" e "Sol limón".