Iñaki Martínez: “Non tería moito sentido repetir a colección que fan outros museos e fundacións próximos a nós”

Un marco de cinco lados

“Tempo ao tempo”. O que podería ser unha frase de resumo do que é unha traxectoria, é o título da mostra que se inaugura hoxe e coa que o museo municipal de arte contemporánea de Vigo, o MARCO cumpre cinco anos. Falamos co seu director, Iñaki Martínez Antelo, que fixo un repaso deste primeiro lustro e das múltiples liñas que hai abertas de cara o futuro onde a “colaboración” pasa por ser unha das claves do futuro.

É un proxecto municipal, con orzamento reducido pero ben pensado e estruturado que o converten nun centro singular. É o primeiro centro destas características que montou un concurso público para escoller ao seu director, ten no seu padroado a un representante do Ministerio de Cultura e acaba de cumprir cinco anos. Non todo foi un camiño de rosas, lastrado polo escaso número de visitantes (era dos poucos museos que cobraba por entrada), adiouse ata en tres ocasións a elección do novo director cando renunciou Carlota Álvarez Basso. Agora, en plena festa de aniversario, Iñaki Martínez Antelo fai un repaso pola súa breve pero intensa traxectoria e mais polas vías que faltan por abrir.


Incorpórase como director a un museo que funciona ben, que coñece, desde outra óptica porque estivo vencellado ao centro desde o primeiro momento. Cales son as primeiras decisións a tomar, e as primeiras mostras, ¿que era o prioritario nese momento?
Cando me incorporo á dirección levaba dous anos e medios traballando no centro nunha especie de subdirección artística. O museo e o equipo estaban moi ben e o centro funcionaba perfectamente. Xa abrira a biblioteca, a cafetaría... e o centro funcionaba, unha cuestión moi importante porque non é o mesmo se chegas a un sitio no que as cousas non marchan porque tardas máis tempo en analizar como está e en coñecer o equipo. O único tiven que facer de persoal foi contratar unha persoa para substituírme no posto no que estaba e que, despois dun concurso público, foi Agar Ledo. Polo demais, o proceso de selección do novo director foi bastante longo e pasaron case seis meses. Isto, unido a que a directora anterior (Carlota Álvarez Basso) non quixo deixar demasiada programación pechada para que o que viñera puidera facer segundo o seu propio criterio, atopeime que nun prazo de cinco meses non tiña mostras. Entón tiven que buscar exposicións moi rápido e, ademais co handicap de que tampouco quería traer mostras feitas ou prefabricadas doutros sitios. Isto traduciuse en que se puxo en marcha as catro grandes exposicións do ano en moi pouco tempo: “A mostra invisible”, a mostra de artistas de Israel, Pintura mutante, e Switch off the power. Dúas delas foron de produción propia e as outras foron coproducións. Por último, como director tiven a “sorte” de inaugurar “Urbanitas”, un proxecto que estaba a desenvolver coa directora anterior e que foi moi significativo.

Cando foi nomeado director, en novembro de 2005, anunciou que unha das súas prioridades sería a relación con outros museos. Cando van xa case dous anos, que se conseguíu neste aspecto? Cal é a relación con museos, fundacións e centros de arte, tanto públicos como privados, do contorno?
Para un museo como o noso é fundamental por varios motivos: polos poucos anos que levamos traballando, como pola nosa situación periférica dentro dos grandes centros da arte no mundo e polo noso orzamento. Necesitamos esas colaboracións, por orzamento, por difusión, por intercambio, por contactos.... Cando se inaugurou o MARCO naceron tamén o Artium e o José Herrero, cos que se estableceu unha rede bautizada como REM que fixo un intercambio estable de exposiciósn e programación. Continuamos a traballar con estes centros e abrimos a rede a outros centros, como o Koldo de San Sebastián. Precisamente con eles coproduciremos unha mostra comisariada por Pedro de Llano e Pablo Fanego con presenza galega. E nesa liña seguiremos nos vindeiros proxectos: no 2008 imos facer dúas mostras co Centro Andaluz de Arte Contemporáno de Sevilla; imos coproducir co Frankfurter Kunstverein museo que dirixe a galega Chús Martínez, que creo que vai ser a primeira obra que comisaríe en Galicia; temos un proxecto de coproducción de La Panera de Lleira... son diferentes maneiras de sumar esforzos. Temos un proxecto que non podemos abordar economicamente en solitario e entón tentamos que outro museo se implique para poder levalo adiante.

Neste sentido, tamén me gustaría destacar que a nivel Galicia estamos a colaborar co Proxecto Edición que inaugurou unha nova liña de traballo inédita no país. Foi entón cando Manuel Olveira (director do CGAC) conseguíu facer o imposible, que era aunar a tres institucións con tres liñas diferentes, con tres intencións diferentes, con tres orzamentos diferentes e que depende de institución diferentes para facer un proxecto común.


En 2006 anunciouse a intención de facer unha colección, tendo en conta a perspectiva do Marco e o seu orzamento, que destacaría deste aspecto e en que momento estamos agora?
Estramos avanzando nesta liña pouco a pouco. Cos nosos orzamentos é moi complicado pensar ter unha colección partindo de cero. Hai outros museos que, cando van facer a colección xa teñen algún fondos. O mercado da arte está moi complicado e non tería moito sentido repetir a colección que fan outros museos e fundacións próximos a nós. Por iso, pensamos que era máis interesante e importante conseguir en depósito temporal coleccións privadas que, ao mesmo tempo, poderían ir perfilando un proxecto de colección. Neste sentido estamos a preparar unha mostra con coleccións privadas de arte contemporánea galega que creo que nos pode axudar a facer esta investigación, ter uns contactos e abrir liñas a seguir.
fs
Entre os cambios que houbo nestes cinco anos, destaca a modificación dos estatutos para poder darlle entrada ao Ministerio de Cultura no Padroado da Fundación Marco, que supuxo isto para o centro?
Para nós é un respaldo moi importante. O Ministerio de Cultura, que ten o seus museos importantes en Madrid, empezaba a descentralizar os seus apoios e, de todos os centros que hai en Galicia, escóllenos a nós. Foi todo un orgullo e o resultado dun longo proceso de negociación e de correspondencia que tivo final feliz.Acababa de incorporarme eu á dirección cando entrou no proceso final. A integración do Ministerio deunos credibilidade de cara o público máis importante que a propia achega económica que tamén foi determinante. Ademais, o Ministerio de Cultura ten un representante no padroado (Carlos Alberdi) que asiste regularmente iso é bo para o Concello, Xunta, Deputación, Caixanova.

Vese un interese pola construcción de público a través dun intensísimo e completo programa de actividades pedagóxicas como ciclos e cursos con gran afluencia de público. Ademais, en xuño anunciouse que o Marco deixaba de cobrar entrada. Podería comentar as estratexias de captación de público?
No noso caso está claro que se fas un traballo e non vén público é unha tristeza. Non é algo que nos obsesiona, de feito, danlle máis importancia os medios. A nós, o que nos afecta, é que o público non saia informado do centro. Para iso, ofrecemos visitas guiadas, cursos, hai información e xente a pé de sala. Este ano duplicamos e ata triplicamos algún dos cursos e están todos absolutamente cheos, os que máis público teñen son os de iniciación á arte contemporánea e outro de aprender a ver a arte.

Con respecto á gratituidade era algo polo que levaba traballando durante moito tempo. Tendo en conta os ingresos pola entrada, nunha das xuntanzas do padroado asumimos que a cultura non é rendible, nin ten porque selo, e pensamos que era algo que podiamos asumir perfectamente. En Vigo a entrada dos museos, fundacións e centros é gratuíta e o público non está moi acostumado a pagar, máis aínda tendo en conta que é arte contemporáneo.

Por último, podería concretar os proxectos de futuro para o Marco a medio e curto prazo?
Máis que medio prazo temos que traballar a longo prazo. De feito, xa temos pechada a programación de 2009. É necesario concretar as cousas con tanta antelación se queres ter acceso a certos artistas.

Somos aínda un museo moi novo, queremos consolidarnos nos próximos anos como un sitio de lecer pero tamén de coñecemento para que veña a xente tanto de aquí como de fóra. E unha das nosas primeiras motivacións é facer un esforzo para ir a onde aínda non chegamos. Espero que coa gratituidade poidamos suscitar a curiosidade para que se achegue público que aínda non entrou nunca no centro. Ademais de seguir traballando nas liñas para traer o máis interesante dos artistas de fóra, formar o público e os artistas a través do espazo “Anexo”ou o premio para novos comisarios.