Foto: Fundación MARCO de Vigo
Cando van facer dezaseis anos da súa inauguración o Museo De Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo está a pasar hoxe en día polos seus peores momentos de incertidume. Aberto no ano 2002 co alcalde nacionalista Lois Pérez Castrillo ocupando o consistorio, o MARCO foi aguantando e consolidando o seu modelo propio de centro de difusión, encontro e laboratorio de produción das artes contemporáneas acadando respecto e consideración así como relevancia nun sector de alcance minoritario, o dos centros de arte contemporánea. Desde o 2002, o museo de titularidade municipal foi facendo en Vigo o seu programa con máis ou menos recursos e baixo gobernos de varias cores, a nivel local ademais do BNG pasaron pola alcaldía o PSOE, o PP e de novo o PSOE co actual alcalde, Abel Caballero. A súa primeira directora, Carlota Álvarez Basso foi relevada en 2005 por Iñaki Martínez-Antelo por medio dun concurso de méritos que foi pioneiro no Estado para este tipo de entidades. Martínez-Antelo mantívose no cargo ata o pasado día 20 de novembro no que a súa dimisión, anunciada cun ano de antelación, fíxose efectiva. A súa xestión sempre foi ben valorada desde os círculos artísticos ata o punto que no ano 2011 foi elixido como presidente da Asociación de Directores de Arte Contemporáneo de España. Neste momento o MARCO non dispón de dirección nin está convocada esa praza e nalgúns sentidos semella que tampouco dispón dun proxecto nin obxectivos claros. O público creado para a arte contemporánea en estes quince anos corre o risco de quedar orfo.
Para a Responsable de Exposicións do MARCO, Agar Ledo, unha exposición alugada "non produce coñecemento tras de si", o coñecemento que chegado o caso puidese xerar con ela marcha cando acaba a exposición sen deixar ningún incremento patrimonial na institución, non só de obras de arte senón de investigación ou reflexión arredor do seu discurso. Para Ledo a prioridade dun centro como o MARCO é sempre o proxecto "por diante da elección do director ou da capacidade do orzamento". As palabras "Misión-Obxectivos" que se usan en todos os centros de arte, “non son termos escollidos ao azar -lembra Agar Ledo- e resultan fundamentais en todos os grandes museos do mundo. Cando hai un cambio de director na Tate Gallery ou no Metropolitan Museum non se produce unha crise porque o seu proxecto, a súa liña a seguir está clara". Neste sentido lembra que ter un proxecto definido sería a prioridade consecuente co Documento de Boas Prácticas en Museos e Centros de Arte Contemporánea asinado no ano 2007 por asociacións que representan á práctica totalidade do sector das artes visuais e dos museos, xunto co Ministerio de Cultura. A este mesmo documento é ao que fixo referencia en declaracións aos medios o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, no que se refire á forma de designación da persoa que dirixa agora o museo, pondo como condición para que os representantes da Xunta acudan ao Padroado que a elección se faga cun procedemento de concurso de méritos. Recentemente o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, en declaracións a La Voz de Galicia aseguraba que na forma de levar a cabo ese concurso non se ían meter "porque é cousa do Concello de Vigo, pero en todo caso ten que ser un proceso transparente e aberto", aseguraba como condicionante. Ademais Lorenzo advertía que de cambiar o modelo do centro cara a unha sala de exposicións municipal lonxe dun centro de arte contemporánea o goberno autonómico se retiraría do padroado coa súa achega económica. Renovación sen dirección Na súa misiva de renuncia presentada en decembro do pasado 2016, Iñaki Martínez-Antelo facía mención da "necesidade de renovación" que el contemplaba tras once años á fronte da institución. A ese paso do tempo para o proxecto desde a súa apertura en 2002 non é allea Agar Ledo que tamén cre que sería bo momento para facelo evolucionar debido ao cambio de contexto. "O MARCO naceu nun momento de eclosión deste tipo de centro de arte -di ela- é produto dunha época e habería que aproveitar o momento que nos brinda un cambio de posto na dirección para enfrontar un cambio máis amplo", asegura mentres propón que ese cambio sexa froito da apertura dun debate no que estea implicada a sociedade civil e as asociacións do sector cultural ata conseguir un proxecto viable e independente xurdido do diálogo e do debate e non da decisión do político que toque nese momento. Non cre Ledo que o proxecto teña que manterse a un nivel personalista en base á quen entre a dirixir a institución pero o certo é que a ausencia desa figura directora e o baleiro de responsabilidade acabaron tocándoa tamén a ela. Na súa ultima reunión, o Padroado da Fundación MARCO (en ausencia de representantes da Xunta) acordou repartir as funcións administrativas e de programación do director saínte respectivamente entre o xerente e a propia Ledo, Responsable de Exposicións, á que designaron como a persoa competente para facer unha proposta de programación ao Padroado para cubrir "a necesidade urxente de que a actividade museística de exposición temporais non se detivese neste momento de interinidade mentres o posto de Director estea vacante." segundo ditame do Padroado."Unha exposición alugada non produce coñecemento tras de si, o coñecemento marcha cando acaba"
Desde o seu posto, ao que accedeu por concurso, Ledo ten como tarefas asignadas a preparación e produción das exposicións temporais acorde á programación elaborada pola Dirección do museo e preferiu rexeitar esa encarga suplementaria. Lembra Agar Ledo na súa resposta razoada aos membros do Padroado que "traballar de forma profesional conleva respectar uns prazos mínimos que permitan a elaboración dun programa de exposicións acorde a unhas liñas de investigación que respondan á identidade do museo e aos seus obxectivos." e insístelles en que a verdadeira urxencia, segundo ela, "está en trazar esas liñas de actuación acorde á misión do museo, para poder programar en consonancia coas mesmas. Do mesmo xeito que unha exposición non é tan só unha sucesión de obxectos, unha programación non é só unha sucesión de exposicións, senón esas exposicións articuladas en torno a un discurso.". Ante o baleiro expositivo de meses que se prevé tras o 7 de xaneiro e a urxencia mencionada polo Padroado, Ledo lémbralles que a anterior dirección comunicou a súa baixa con tempo suficiente como para poñer en marcha un proceso que evitara a situación destes momentos e que a anterior dirección tamén programou unha exposición ao redor da Colección Fotográfica do Concello de Vigo, "que tiña previsto inaugurarse o pasado 3 de novembro e prolongarse ata mediados do ano 2018" asegura ela engadindo que esa mostra, "da que se asumiron os gastos correspondentes a honorarios de comisariado, transporte e seguro, foi incomprensiblemente cancelada dende o Concello de Vigo unhas semanas antes da súa inauguración, poñendo ao museo nunha situación de incerteza que se evidenciará cando as salas queden baleiras dentro de poucas semanas." Viabilidade económica de responsabilidiade compartida Para a Fundación MARCO a crise financeira global de 2008 fixo comezar un declive orzamentario continuado e moi pronunciado pola retirada ou desaparición de institucións do seu Padroado así como pola redución sinficativa das achegas de todas as que nel seguiron. "Desde o MARCO levamos demasiado tempo traballando nunha situación moi complicada, cuns orzamentos ao límite do razoable para un centro das súas dimensións e características. Levo años tentando manexar o rumbo e defendendo as súas funcións como centro de arte contemporánea, tratando de manter a calidade da programación e a independencia na xestión", dicía Martínez-Antelo na súa misiva de despedida en 2016. As tres institucións que desde 2011 forman parte do Padroado do MARCO, toda vez que aquel ano desapareceu del Caixanova (Nova Caixagalicia, nese momento) e retirouse a Deputación de Pontevedra, reduciron notablemente as súas achegas aos orzamentos da institución. Así no período 2012-2014 o Concello de Vigo, con Abel Caballero á fronte, pasou de 805.000 euros aos 605.000, unha diferenza moi superior as das achegas, inferiores en total iso si, das outras dúas administracións. A Xunta pasou dos 140.000 euros aos 100.000 e o Ministerio de Cultura pasou de poñer 110.000 euros a poñer 50.000 nese período. O total orzamentario fixo baixar as contas moito por baixo da liña do millón de euros para un centro que chegou a ter case dous millóns de euros dispoñibles nalgún momento. Di o refrán que "cando a pobreza entra pola porta o amor salta pola ventá". Para o alcalde esas reducións do resto das administracións así como a desaparición da entidade financeira son responsabilidade directa do goberno autonómico de Núñez Feijóo e producen un agravio comparativo cos investimentos que se fan na Cidade da Cultura de Galicia no Monte Gaiás da capital galega. A tensión chegou directamente ao Padroado da Fundación levando a que desde a súa presidencia, e dada a maior achega económica co consistorio, o alcalde buscara unha maior presenza de vogais locais na composición deste órgano. Así impulsou en xuño unha ampliación do número de vogais do concello dos catro actuais(dos que tres son do grupo socialista) ata nove, fronte a un da Xunta (agora hai dous) e outro do Ministerio. A modificación foi paralizada polo goberno autonómico ao non incluír esa modificación no rexistro do protectorado de Fundacións da Xunten base ao regulamento que rexe as fundacións de interese galego ao considerar que o acordo polo que se tomou esa decisión non foi acadado coa maioría reforzada establecido pola lei, das dúas terceiras partes dos asistentes que ademais deben ser a maioría absoluta dos membros do órgano. Esta decisión foi recorrida polo goberno vigués e está pendente de resolverse. Mentres, o Padroado está previsto que se reúna de novo antes de finais de ano, sen asistencia de membros da Xunta, para aprobar o inicio dos traballos que leven a inaugurar en abril no Museo de Arte Contemporánea da exposición Julio Verne. Los límites de la imaginación, producida pola Fundación Teléfónica. Non é de descartar que haxa outras novidades nesa reunión, xa que malia que a Xunta se declarou contraria a que se elixa unha nova dirección por outros procedementos que non sexan de concurso público, curiosamente, segundo recolle o xornal Atlántico a representante do grupo local do Partido Popular no padroado, Teresa Egerique, que si asistiu á anterior reunión, declarouse disposta a aceptar unha proposta directa de Caballero que se poida votar no Padroado. Queda moito por resolver arredor deste centro neurálxico da arte contemporánea que durante quince anos foi capaz de acadar sona e prestixio internacional e un público fiel xa consolidado que pode quedarse orfo dun referente da dinamización artística que colocaba Vigo no panorama internacional da arte. O equipo de profesionais que conforman a fundación son conscientes da enorme perda dos recursos públicos investidos, maiormente municipais, nestes anos en produción, investigación e divulgación que suporía deixar morrer o proxecto MARCO e convertelo en tan só un edificio emblemático do centro da cidade onde meter as exposicións-espectáculo do momento."Unha exposición non é tan só unha sucesión de obxectos, unha programación non é só unha sucesión de exposicións, senón esas exposicións articuladas en torno a un discurso"

