Ciclos en Vigo e Ourense e curtas galegas no Porto, actualidade cinéfila

Cine por todas as partes

Unha nova edición da Semana Internacional de Cine Submarino achegará a Vigo as cores e as formas do fondo do mar entre o vinteseis e o vinteoito deste mes. Desde Ourense o Cine Clube Padre Feijóo danos a coñecer a súa programación para os meses de novembro e de decembro. E desde Porto chéganos da noticia da participación galega no festival Odisseia das Imagens, no que resultou premiada a producción "Meu nome.Meu mundo".

Cine a fondo



O Centro Cultural Caixanova de Vigo acollerá entre os días vinteseis e vintesete deste mes a XI Semana de Cine Submarino. Este certame, que se está a consolidar como un dos máis destacados na súa variedade, estáa organizado polo Club Subacuático Bahía de Vigo e pola Universidade de Vigo. Entre as produccións que se poderán ver, está unha proxección de diapositivas acompañadas de música realizada en Galicia por Marevisión. Outras produccións que se poderán ver serán "Segredos de Indonesia", "Cores nas Malvinas", "Vivindo entre tiburóns", "A cor dos polbos" ou dous documentais sobre a figura do campión de mergullo libre Umberto Pelizzari.


Cine alternativo


Desde Ourense chéganos a programación do Cine Clube Padre Feijóo, que ata o mes de decembro achéganos produccións pouco ou nada vistas nas salas comerciais. Así, o vindeiro xoves 22, poderá verse a película "¿Al Ataque!", realizada en Francia baixo a dirección de Robert Guédiguian e que acadou un grande éxito. Unha semana máis tarde, e sempre no local da Casa da Cultura, poderá verse a película alemana "Tuvalu", de Veit Helmer, que conta con colaboracións de luxo coma a música de Goran Bregovic. O último filme previsto para estes dous meses será "Fast food, Fas Women", de Amos collek. Os tres filmes son estrea na cidade das burgas e poderán verse en dúas sesións ás oito e media e ás once da noite.

Concursos en Porto

Galicia estivo representada no festival Odisseia da Imagens, que se celebrou ata onte en Porto, por cinco curtametraxes elaboradas na Facultade de CC. da Comunicación de Compostela.
Así, os documentais "Leticia", "Sarela Abaixo", "Web.O", e "Lembrando Fontao" onda o filme de ficción "Meu nome.Meu mundo" foron proxectados acadando unha boa aceptación xeral entre o público.
Ademais, "Meu nome. Meu mundo" dirixido por Lijó e Meixide e que xa fora proxectado no Festival de Cine e Video Independente de Nova York, acadou o Premio do Xurado do festival.