O Colexio de Arquitectos selecciona sete edificios representativos no Día da Arquitectura

Os edificios do día

Como cada ano, sete edificios ou conxuntos galegos foron distinguidos polo Colexio de Arquitectos de Galicia con ocasión do Día da Arquitectura que se celebra hoxe, 1 de Outubro. Segundo explican estes profesionais no seu web “A celebración pretende chamar a atención dos cidadáns sobre a arquitectura nos seus aspectos máis cotiáns, deterse na convivencia de edificios e persoas e, en definitiva, percibir esa complexidade vital na cidade”. Facemos un repaso polos espazos seleccionados.

As propostas dos edificios que estes deseñadores seleccionan cada ano parte das diferentes agrupacións locais de arquitectos, que escollen algún elemento destacado do seu contorno. Este ano, quizais unha das propostas máis orixinais foi da do o Colexio de Arquitectos da Coruña, que reivindicou a importancia da aldea mariñeira de Redes (Ares) no seu conxunto. Os profesionais herculinos reivindicaron “o esforzo mantido polos veciños para preservar os seus valores urbanos e paisaxísticos, facendo fronte ás, sen dúbida, fortes presións urbanísticas que tanto degradaron as nosas costas”.


Visualizar o mapa ampliado


Os arquitectos composteláns decidiron reivindicar a súa propia sede e foron os que elixiron o edificio máis antigo. A Casa da Conga, de 1709, en plena praza da Quintana, foi o edificio que seleccionaron para o seu día en 2007. En Lugo apostaron polas oficinas da central eléctrica de Belesar, obra de Juan Castañón de 1963. De pouco tempo despois, 1966, é o Colexio da Nosa Señora dos Milagres en Maceda, que foi seleccionado en Ourense. Tamén en Vigo recoñeceron un espazo educativo. O conxunto do campus das Lagoas e Marcosende foi o seleccionado polos profesionais desta cidade. En Ferrol, pola súa banda, aproveitaron a data para reivindicar o Albergue de Alvarella en Doroña, construido en 1999. O máis recente dos edificios recoñecido é o Centro Deportivo do Pontillón, en Xeve, que os arquitectos de Pontevedra recoñeceron só un ano despois da súa construción en 2006.
Para alén da reivindicación de construcións singulares, os colexios de arquitectos queren facer especial fincapé nesta data na necesidade de desenvolver construcións de “emisión cero”, que tenten minimizar o seu impacto no medio.

ALGÚNS DOS EDIFICIOS E LUGARES SELECCIONADOS


Pobo de Redes (Ares)


Casa da Conga (Santiago de Compostela)


Oficinas do embalse de Belesar (Belesar)


Centro Deportivo do Pontillón (Pontevedra)


Campus As Lagoas (Marcosende, Universidade de Vigo)