Preséntase a Film Commission de Galicia que promoverá as rodaxes no país

Benvidos señores cineastas

Atraer a productoras de todo o mundo é o obxecto da Film Commission de Galicia, entidade que foi presentada o pasado xoves en Compostela polo conselleiro de Cultura Xesús Pérez Varela. A creación deste ente está previsto na Lei do Audiovisual de Galicia, e desde hai meses existe na rede unha web con toda a información precisa para filmar no noso país. Gerardo Vera animouse xa e vén de iniciar nas terras do deza a rodaxe do seu film "Deseo" e mentres, anúnciase a preestrea en Compostela de "Dagon", película rodada en Combarro e que vén de ser presentada no festival de Cannes.

Film Commission


O Centro Galego de Arte Contemporánea foi escenario o pasado xoves da presentación da Film Commission de Galicia, que foi apadriñado polo presidente da Spain Film Commission Carlos Rosado e Ward Emling, presidente da Sociedade Internacional de Film Commissions.
A Film Commission nace da colaboración entre a Consellería de Cultura e o sector audiovisual galego ó abeiro da Lei do Audiovisual de Galicia aprobada en 1999.
Esta entidade está encargada de promocionar Galicia como escenario para rodaxes cinematográficas ofrecendo ás productoras os contactos de todo tipo de recursos que poidan precisar para desenvolver o seu traballo.
Ademais, deberá asesorar á Xunta en canto a medidas e planos de apoio neste sector.
A pesar de que a presentación desta Comisión se realizou onte, desde hai meses existe na rede unha web realizada pola Xunta e a Asociación Galega de Productoras Independentes (AGAPI).
No acto de presentación deste organismo, o conselleiro de Cultura, Xesús Pérez Varela anuncou a creación do Consorcio do Audiovisual para o comezos do vindeiro ano e a posible rodaxe de oito longametraxes no país durante o ano 2002.


Unha rodaxe en marcha


Leonor Waitling, Ernesto Alterio, Cecilia Roth, Rosa María Sardá e Leonardo Sbaraglia entre outros actores estarán estes días por terras de Lalín participando en "Deseo", un film de Gerardo Vega que comeza hoxe a súa rodaxe.
A película, situada noa posguerra española, conta a historia de Elvira, unha muller que tenta reconstruír o seu pasado mentres o seu marido sae da cadea. Elvira inicia entón unha relación amorosa co seu xefe Pablo, un empresario arxentino educado no nazismo.
A pesar de que a ambientación da película é o Madrid dos anos corenta, o director escolleu a zona de Lalín e de Silleda para rodar os exteriores do filme, no que aparecerá unha locomotora da época que está a ser restaurada no Museo Ferroviario de Monforte.

Unha rodaxe rematada


A película "Dagon", dirixida por Stuart Gordon e con exteriores rodados en Combarro e en Pontevedra, verá o seu preestreo en Compostela o vindeiro trinta e un de outubro, dous días antes da súa estrea mundial.
Esta película, producida pola Fantastic Factory, foi rodada en inglés e en galego e distribuirase a nivel interancional.
A película, que vén de ser presentada no Festival de Sitges con notable éxito de público e de crítica, está baseada nun conto de H.P. Lovecraft.