Unha exposición do CGAC revisa a arte feminista dos anos setenta

Como librar unha batalla

| Santiago. Redacción | Seccións: Arte
Compartir:

Violenta, provocadora e transgresora. Pero tamén profundamente actual, curiosamente, porque ningún dos traballos que colgan desde hoxe no Centro Galego de Arte Contemporáneo ten menos de trinta anos. Falamos de “A batalla dos xéneros” unha exposición que pretende afondar nos discursos e nos debates feministas pero sobre todo nas representacións que naceron nos setenta coa intención de invalidar a sociedade sexista. Coñece as claves da batalla.

A batalla dos xéneros
1/10
A batalla dos xéneros
2/10
A batalla dos xéneros
3/10
A batalla dos xéneros
4/10
A batalla dos xéneros
5/10
A batalla dos xéneros
6/10
A batalla dos xéneros
7/10
A batalla dos xéneros
8/10
A batalla dos xéneros
9/10
A batalla dos xéneros
10/10

Non é novo que un museo acolla unha exposición sobre a arte feminista pero tamén é certo que non é moi frecuente. Decidida aposta do CGAC por achegar ao público representacións de colectividades e identidades que non acostuman a ser exhibidas e que “Wack. Art and the Feminist Revolution” (Os Ánxeles), “Global Feminisms. New Directions in Contemporary Art” (Nova York) e “Kiss kiss bang bang” (Bilbao) abordaron ao longo deste 2007. Os museos deben ser un reflexo da sociedade e os movimentos sociais e políticos minorizados a través das diferentes formas de expresión artística van, pouco a pouco, entrando nos seus proxectos expositivos.

En “A batalla dos xéneros” as obras de cincuenta artistas de diferentes partes do mundo de países como Francia, España, Gran Bretaña, Austria, América Latina, África, Asia.... evidencian que foi un movemento universal. O pensamento feminista encontrouse na arte cunha efectista vía de comunicación ata tal punto que a obra non ten sentido na súa representación sen a súa explicación previa. Aquí van unhas cantas claves para aproveitar a exposición.

O contexto
Había un interese do CGAC en revisitar os anos setenta porque era o lugar no que había un maior baleiro na súa colección propia. En segundo lugar, é precisamente esta época na que se produce o que se chama a terceira onda do pensamento feminista. A primeira onda é a que ten en conta o pensamento ilustrado que comeza a denunciar a situación de minusvaloración da muller, a segunda onda é a sufraxista, que reivindica o dereito ao voto feminino; mentres que a terceira é aquela que ten o seu principal slogan nunha cita de Simone de Beauvoir “non se nace muller senón que se fai”.

O pensamento teórico intensifícase nos sesenta e os grupos feministas organizados multiplican a súa actividade nos setenta. Un fito importante ten lugar en 1975, cando a ONU declara o “Ano Internacional da Muller” trala presión que desenvolven diferentes grupos feministas en distintos momentos. Todo esta efervescencia político-social plasmouse na arte, principalmente, na década dos setenta a través de homes e de mulleres. Este é o contexto que recolle a exposición comisariada por Juan Vicente Aliaga que, malia contar con doce bloques temáticos están debidamente interrelacionados.

O concepto de xénero
Nos anos setenta establécese desde un punto de vista teórico e sólido a diferencia entre sexo e xénero; é dicir, a diferencia entre o corpo biolóxico e as determinacións culturais de masculinidade e feminidade. Na cultural occidental como patriarcal que é, establece aptitudes, actitudes, dereitos, valores, deberes, roles, estatus e espacios diferentes para as persoas en función das marcas xenitais:macho e femia. Unha diferencia que está na base das representacións artísticas que se poden ver estes días no CGAC nas obras de Eleanor Antin, Ewa Partum ou Sanja Ivekovic que pretenden derrubar a divulgación de clixés que separan o feminino do masculino.

O corpo
O corpo na arte contemporánea é moito máis que un “tema”, é, como di a artista conceptual feminista Barbara Kruger, un verdadeiro campo de batalla, un problema político, un complexo entramado simbólico no que se poñen en xogo valores sociais tan importantes como a definición da identidade, a regulación das conductas, a intersección entre o público e o privado ou a determinación da diferencia sexual. Directamente relacionado coa diferencia sexo-xénero, as obras que penduran estes días do CGAC desvelarán que o sexo, o xénero, a sexualidade ou mesmo a etnicidade ou a raza non son productos naturais, senón construccións artificiosas feitas pola orde social dominante. Entre as diferentes formas de representar esta as similitudes do corpo biolóxico, especialmente a xenitalidade, con formas da natureza. Judy Chicago e Faith Wilding ou a pintora sueca Monica Sjöö son algunhas das artistas que representan esta situación.

A violencia
Nos anos setenta Semiha Berskoy era unha coñecida mezzosoprano que pintaba cadros de denuncia sobre a desarticulación do corpo e á tortura sufrida polas mulleres a man dos seus homes. Ana Mendieta, Margaret Harrison, Nil Yalter, Nicolet Croiset, Judy Blum....son algunhas das artistas que contribuíron coa súa obra a denunciar a violencia exercida contra as mulleres. Trinta anos despois as súas obras seguen a estar de plena actualidade.

As fotografías, performances, vídeos e pinturas que denuncian a opresión sexista que se poden ver ata o 9 de decembro no CGAC contribúen a comprender o universo feminista e, en parte, a sociedade contemporánea. Ademais, como unha imaxe ten o valor do que representa máis a súa explicación, cómpre non esquecer o folleto de man que se reparte á entrada da exposición para poder comprender mellor a selección feita por Aliaga. Para quen busque máis, a exposición conta con dúas actividades paralelas. Dunha banda, un ciclo cinematográfico e, da outra, un coloquio internacional. Un seminario polo que se pasarán artistas, profesores e activistas que pretenden abranguer un espectro de asuntos e problemáticas relacionadas coas esferas relacionadas coas mobilizacións feministas.

Que che parece esta nova?
29 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Xénero, Mulleres, Identidade, Simone de Beauvoir...