Cartel, exposición e o logotipo, últimas novidades do Festival de Ourense

Claquetazo

A información sobre o Festival de Cine de Ourense vai chegando a contagotas. Onte, na presentación oficial na cidade das Burgas fóronse coñecendo máis datos sobre o programa do festival de cine máis consolidado en Galicia. Nesta sexta edición, o certame preséntase cun novo logotivo. É un león alado moi recoñecido na iconografía da cidade e que pretende mesturar tradición en fantasía. Polo demais, xa se coñece o cartel de proxeccións que encherá as salas cinematográficas que colaboran co festival de Ourense do 3 ó 9 de novembro. É a hora das Calpurnias.


Cartel das seccións non competitivas


A case unha semana para que dé comezo ó festival de cinema máis consolidado de Galicia xa se fixo a presentación oficial. Un acto que estivo cargado de personalidades e de novidades. E é que a sexta edición do Festival de Cine de Ourense, o único en Galicia que leva a etiqueta de Independente, preséntase cunha estructura un tanto diferente da habitual. Auméntanse dúas categorías novas, intégranse outras dúas e, por último, increméntanse as contías dos premios.
Na presentación de onte, tamén se deu a coñecer as películas doutras seccións do festival que non entran a competición.
Dentro da sección "A memoria histórica", farase un percorrido sobre a filmografía na que participou Camilo José Cela, así como a presentación dun libro coordinado polos historiadores José L. Castro de Paz e Jaime Pena.
No seu habitual "Inédito en Ourense" , coa que traen filmes que por problemas de distribución non chegaron ás salas da cidade, estarán "Capitanes de abril", "La ciénaga", "El círculo", "Código desconocido", "Deseando amar", "Fucking Amal" e "Story Telling".
Tralo cambio da retrospectiva, cara un ciclo monotemático, este ano farase un percorrido por Irlanda. E para iso proxectaranse "Un crimen desorganizado", "Danny Boy", "El secreto de la isla de las focas" e "Un mes en el campo".

Exposicións e logotipo


O ano pasado o Museo Municipal acolleu a primera parte dunha mostra moi exitosa. Foi "Unha mitoloxía" que espuxo 91 fotografías de The Kobal Collection sobr os actores de cinema . Un percorrido fotográfico polos mitos do cine ata o que se achegaron numerosos visitantes. E este ano, a organización do festival achega a segunda parte desta mostra. É a segunda mostra que chega como froito dunha colaboración entre o festival do cine e o Centre de Cultura Contemporània de Barcelona, en colaboración coa Fundaciò Museu do Cinema, a Colecció Tomás Mallol e The Kobal Collection España.
Ademais desta exposición, todas as actividades que se organicen dentro da VI edición do festival de cine de Ourense levarán o mesmo selo. É o do león alado que se recupera desde a coñecida Fonte do Rei para formar parte do logotipo permanente do festial. Un icono que permitirá facer "voar a todos os confíns da terra".

Novas salas para o festival

Por primeira vez na historia do festival de Ourense, os cines Dúplex non figurarán como un dos escenarios fixos para a exhibición das películas programadas para o certame. A recente inauguración das Salas da Lauren obrigou ás salas existentes (Dúplex e Novocine) a reforzar as súas políticas de alianzas, contrarrestando con estreas as modernas instalacións da Lauren. E esta política de alianzas determinou que durante as datas do festival (do 3 ó 9 de novembro), as salas do Novocine estiversen concertadas para varias estreas. E a organización conseguíu solventar este atranco ofertando a súa carteleira en dúas salas da Lauren. Así en números, o festival queda do seguinte xeito, dúas salas no Novocine, outras dúas no Lauren (Ponte Vella) e unha no Teatro Principal.