Cangas énchese de risos coa XVIII Mostra de Teatro Cómico e Festivo

Unha mostra de risa

Dezaoito anos xa facendo rir. Cangas acolle esta semana unha nova edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo, que reúne na vila mariñeira compañías e artistas das máis diversas partes do mundo que presentan as súas propostas para o riso. Unha característica desta edición será a preeminencia das actividades da rúa, polo retraso nas obras do auditorio. Precisamente será unha "inauguración físico-virtual" deste espacio o acto a que abrirá este encontro.




Na busca do auditorio


A reivindicación dun auditorio para Cangas será un dos eixes que vertebren diferentes actos da XVIII Mostra de Teatro Cómico e Festivo. O retraso nas obras deste espacio, que teñen a súa finalización prevista para o día vinte deste mes, provocou que as actuacións que se ían celebrar no seu interior tivesen que buscar un espacio que maioritariamente rematou sendo a rúa. De feito, no programa da mostra aparecen actos programados no auditorio como un xeito de reivindicar a finalización das obras deste espacio. Así, o primeiro acto da mostra, despois do pregón que pronunciará o actor moañés Celso Parada, será unha "inuguración físico-virtual" deste espacio cun marcado carácter cómico, ó que están convidados especialmente os traballadores na obra. A xornada completarase co espectáculo do actor Luis Soaxe, o concerto da Big Band do Morrazo no palco da Alameda Vella e a actuación do Mago Teto no pub Komplot.


Rir na rúa, rir no pub



Compañías e participantes provintes de diferentes lugares do mundo achegaranse desde hoxe e ata o sábado a Cangas, coa sana intención de achegar a risa ós asistentes. Mimos, malabaristas, grupos teatrais, danza, pallasos ou magos, todas as variedades do espectáculo humorístico estarán presentes, cunha presencia especialmente destacada de galegos. As xornadas comezan a partir das oito da tarde e prolónganse desde media noite ata altas horas da madrugada polos pubs da vila. Os espacios abertos que acollerán representacións serán a alameda vella e a praza das Pontes. Ademais das actuacións, Néstor Muzo impartirá un curso de pallaso que se desenvolverá do día tres ó sete de setembro, e para o oito esta programada unha mesa redonda sobre "Teatro e crítica" e a entrega do Premio ó Labor Teatral.

Para a fin de semana

O martes a primeira actuación será a do mimo vigués Nacho Otero, que dará paso ó malabaristas franceses Luc Areski e Ali Fekuh, do Teatro de Aviñón. Seguirá o espectáculo de equilibrios, maxia, malabares ou acrobacia dos arxentinos Dúo en la Lona. Pechan a xornada na discoteca Thays o dúo galego Lagarta Lagarta.
A compañía estremeña Al Suroeste Producciones será a novidade do mércores pola tarde co seu espectáculo "O carro dos cómicos", que coincidirá con Luis Soaxe e os malabaristas do Teatro de Aviñón. A risa estará no pub La Nuit durante a noite, a cargo da actriz Casilda García.
O xoves a novidade vén a cargo da compañía viguesa Teatro Esmorga, que representará "Farsas", unha obra teatral con influencias circenses que se representará na Escola de Música. Tamén pola tarde acturará Nacho Otero, e pola noite veremos unha reinterpretación (cómica, como non) da vida do artista da man do arxentino Nrberto Di Giorno, que achegará o seu espectáculo "100% Cabaret" á discoteca Galas.O venres, penúltimo día da mostra, Luis Soaxe repetirá a súa actuación e dará paso ó grupo Malabaranda. Ás dez e media da noite será a Praza das Pontes o escenario para que o grupo madrileño Teatro Elfo presente "Amor de don Perlimpín con Belisa en su jardín", unha obra que presenta referencias a García Lorca. O peche do día irá a cargo do contacontos Cándido Pazó no Canis Lupus.
A última xornada iniciarase con Nacho Otero e continuará con outra actuación de Elfo Teatro, nesta ocasión a obra "San Jorge y el Dragón". A compañía andaluza Vagalume clausurará esta mostra coa representación da obra "Pajarraca" na praza das Pontes.