Ultímanse varias produccións cinematográficas para o outono

Filmes que veñen

Rodaxes que se rematan, outros que se preparan, castings... A actualidade cinematográfica continúa viva en Galicia durante o outono con novas produccións, propias e alleas, que estarán presentes nas nosas rúas e nas nosas salas os vindeiros meses. Así, xa Cora Peña ultima a rodaxe de "Galactea", un corto no que nos presenta unha Galicia do futuro. Por outra banda, o día dezasete comezará a rodaxe de "Ilegal", un trhiller sobre a emigración de Ignacio Vilar. E por se fose pouco, Vigo acollerá a rodaxe dunha película sobre Antonio Machín que mestura realidade e ficción.

Galicia no futuro



A Unión Europea decide limitar a producción de leite a Galicia, privando os galegos do seu principal sustento. Mentres, en Vilagarzón de Arousa, o alcalde pretende facerse coas subvencións europas ó custo de eliminar as vacas. Toda unha trama no futuro na que o noso país aparece coma un último bastión contra a UE. Uxía Branco como comisaria europa, Serxio Pazos e Luis Zahera coma os axentes de policía Cachas e Muíña ou Pablo Guapo coma Valentín, o último peregrino son algúns dos actores que participan nesta producción que dirixe Cora Peña, a responsable de "The last patrol".
O filme, que durará quince minutos, estívose rodando durante os últimos días de agosto na localidade de Covelo, onde numerosos veciños participaron na rodaxe coma extras. Cun orzamento de oito millóns de pesetas e rodado en película de trinta e cinco milímetros, a curtametraxe presentarase nos festivais de Valencia, Carballliño, Ourense, San Sebastián e Clairmont-Ferrand, en Francia. A cada unha das presentacións acudirá onda o equipo unha represetnación dos diferentes consellos de denominación de orixe de Galicia.

África na Lanzada


Faltan só dez días para que comeze a rodaxe de "Ilegal", un trhiller sobre a viaxe de dous reporteiros ó Magreb para facer un documental sobre as mafias que organizan as viaxes dos inmigrantes.
Durante as últimas semanas viñéronse realizando catro castings entre a comunidade africana implantada en Galicia para seleccionar os corenta extras que intervirán na película. Onda eles, actores coma Chete Lera, Chisco Amado, Lucía Jiménez, Carlos Blanco ou Luis Castro completan o elenco do film.
Igancio Vilar, director e guionista da película, chegou a esta historia a partir do seu traballo no documetnal "Polizóns", e decidiu desenvolver a idea levándoa á ficción e tentando conscienciar sobre o problema da emigración. Segundo Vilar, a película chegará ás pantallas de cine en febreiro da semana que vén, logo das sete semanas de rodaxe que aínda quedan e que se desenvolverán ente Vigo, Compostela e a praia da Lanzada.



Machín e os Piratas


Machín achegarase a Vigo cara o vintenove de outubro coa rodaxe de "Machín: toda una vida", filme no que a directora Nuria Villazán mestura realidade e ficción. A película percorre a vida do cantante a través do seu pianista Botafogo, e percorrerá algunhas das cidades máis significativa na vida do artista, coma Nova York, Sevilla, Vigo, Madrid ou Barcelona. Vigo aparece nesta película en representación de toda Galicia, á que Machín estaba unido pola orixe ourensá do seu pai. A participación galega na película redúcese á banda sonora, na que o grupo vigués "Los Piratas", realizarán unha versión do tema "Bésame mucho".