A banda deseñada acada un grande éxito de público nas escasas bibliotecas que apostan por esta arte

BDibliotecas

Está aí de toda a vida. A banda deseñada fai parte dos fondos das nosas bibliotecas desde que o medio comezou a se popularizar hai xa ben tempo. No entanto, o seu espazo estivo sendo relegado ás zonas de infantil e xuvenil, e os fondos adoeceron ata o de agora dunha escasa organización e promoción. Nos últimos tempos, algunhas experiencias pioneiras no noso país están a demostrar o potencial que presenta a BD dentro destes centros.

"O problema da banda deseñada nas bibliotecas galegas é que continúa a se ver coma material para nenos", explica Daniel Buján, técnico de bibliotecas da Consellaría de Cultura e grande coñecedor do mundo do cómic. Para alén, este bibliotecario apunta que "ademais mesmo na sección infantil só hai clásicos e títulos moi comerciais, unha parte moi pequena do que é a banda deseñada", completa. Nese sentido, destaca que é a ignorancia xeral sobre a novena arte o que dificulta unha mellor representación dos cadriños nestes establecementos. "Moita xente cun certo hábito de lectura pode pensar que a BD non ten calidade ou que son historias de xénero. E despois nos bibliotecarios hai tamén moito descoñecemento", completa.

Oasis herculino
Dun xeito ou doutro, existen en Galicia diferentes iniciativas que están a demostrar que a as historias de cadriños teñen grandes posibilidades dentro das nosas bibliotecas. Neste sentido destaca especialmente a cidade da Coruña, onde tanto a rede de bibliotecas municipais como o centro estatal (a biblioteca González Garcés) manteñen e adquiren de xeito regular fondos deste tipo e promoven a BD entre os seus usuarios. Segundo explica Xosé Manuel Pérez Fernández, que iniciou o traballo a prol da novena arte na González Garcés, "en Galicia están aparecendo bastantes iniciativas para potenciala. Nos últimos dous anos houbo un incremento grande da presenza da BD, especialmente na Coruña". A certa tradición que a cidade xa posúe arredor da novena arte, con dez anos do festival "Viñetas desde o Atlántico" e a presenza de numerosos autores, como os que se agrupan no colectivo Polaqia, explican ata certo punto este interese. Segundo explica Iván Serrano, responsable de BD na biblioteca do Fórum Metropolitano, "viñetas achegou moítisimo, non hai ningunha dúbida. A nivel de traballo nótase que hai moita xente con inquedanzas e unha bagaxe arredor do cómic e que vamos turrando uns polos outros".

Éxito en cadriños
Desde as experiencias desta cidade salientan os bos resultados que acada a banda deseñada dentro dos centros. Lembrando a súa experiencia na González Garcés, Pérez Fernández destaca que "funciona bastante ben. Hai que ter en conta que son libros que se poden ler en pouco tempo, entón hai tamén moita lectura en sala, e iso non aparece nas cifras de préstamo". En canto a xéneros, "o manga funciona moito en canto a temática infantil, especialmente nas obras ligadas a series de animación. Nos adultos non hai unha demanda específica e adoitan funcionar os temas clásicos ou as aventuras". Desde a rede municipal coinciden en que "o manga está a ter moita saída. Por autores o que máis se presta é Frank Miller. Despois hai títulos coma `Os mestres cervexeiros´ e autores coma Neil Gaiman que están a tirar bastante". Os datos avalan o éxito desta arte. "O pasado ano fixemos unha criba das obras máis prestadas na Rede de Bibliotecas, e dentro das dez primeiras, seis eran BDs", explica Serrano. Máis concretamente nos centros que prestan máis atención á banda deseñada, a biblioteca infantil do Fórum Metropolitano e a da rúa Durán Loriga, ata un 30% dos fondos de ficción que se prestan son historias de cadriños.

A xente da BD
Para alén das influencias dos festivais, a promoción da novena arte nas bibliotecas é en grande medida o resultado do voluntarismo de afeccionados ao medio. Serrano salienta que, no caso das bibliotecas municipais, fixo falla que chegase xente con coñecemento do medio para que se dese esta aposta. "Nas bibliotecas está a entrar a traballar ultimamente xente nova que está máis aberta a estas propostas", explica. "Nós temos moita bagaxe sobre a BD desde hai moitos anos, e tentamos agora impulsala dentro das posibilidades das bibliotecas". De calquera xeito, Daniel Buján ten claro que esta dispoñibilidade é xeral dentro do corpo de profesionais das bibliotecas en Galicia. "Aos bibliotecarios gústalles introducir aos lectores en cousas novas. Este é un oficio bastante vocacional e con xente aberta", explica. En xeral, estes traballadores coinciden na necesidade de dar a coñecer dentro do seu gremio a calidade artística e narrativa desta arte para conseguir que non sexa relegada nos centros de préstamo e lectura.

Iniciativas de difusión
Malia á escaseza de iniciativas arredor da BD nos nosos centros bibliotecarios, as propostas que desenvolven os responsables destes espazos non deixan de destacar. Deste xeito, Iván Serrano e Fátima Elías, da biblioteca Durán Loriga, chamaron a atención no encontro estatal sobre cómic e bibliotecas que se deu no XXV Saló del Còmic de Barcelona. "Alí decátaste de que estamos todos máis ou menos comezando no tema, agás a xente de Barcelona", recoñece Serrano. "A nosa iniciativa de ter un blog da propia biblioteca dedicado exclusivamente á BD resultou nova. Tamén o feito de termos as obras para préstamo. Mesmo nun lugar coma Murcia, que xa atesouran certa experiencia, só as teñen para lectura en sala", completa. "A verdade é que vimos que somos unhas bibliotecas pioneiras en levar a BD adiante, e eu desde logo estou moi contento con iso". Pola súa banda, a aposta pola novena arte da biblioteca González Garcés inclúe a edición dun boletín mensual no que se comentan as novidades que a entidade vai incorporando. "Pareceunos que moita xente non se daba moita conta do fondo de banda deseñada que tiñamos. Quizais porque moitos volumes son moi estreitos e non se vén moito unha vez que se colocan nos andeis. Entón a idea era que se visen un pouco. Aínda que ao principio non parecía ter moita demanda, puxémolo na rede en culturagalega.org e semella que a partir de aí vai dando algo de xogo, e tamén se interesaron doutros medios", explica Pérez Fernández.

Animación e cursos
Buján ten moi claras as posibilidades das historias de cadriños para se facer un oco nos andeis, e considera que integralas non supón un esforzo especial para os bibliotecarios. "En principio non teñen que ser diferente doutros libros. Permiten, iso si, facer obradoiros, ou contar cos autores para actividades". Este bibliotecario observa diferentes necesidades á hora de traballar a prol da novena arte. "Cos rapaces o traballo é de animación á lectura, e logo débese procurar ampliar un pouco a cobertura, que non estean só centrados en catros títulos. Hai moita xente que está a producir obras de calidade lexibles para todos", explica. "A nivel de adultos cómpre, sobre todo, que vexan algunhas obras concretas de calidade. Cousas coma `Maus´ ou `O grito do pobo´ son obras extraordinarias, e estou convencido de que algunha xente adulta que lea estas cousas pegarase á BD".

O que se vai cocendo
Unha das últimas iniciativas que se está a ver nas bibliotecas municipais coruñesas é a reorganización do espazo dedicado á BD na biblioteca do Fórum Metropolitano. "Acabo de remodelar a zona organizándoa por autores, vou crear un espazo de obras imprescindibles e teño xa un aparatado dedicado á BD galega, onde se poden ler biografías dalgúns autores e as súas historias". Canda a esta iniciativa, tanto Serrano como Fátima Elías sinalan que está a medrar o apoio a este xénero. "Dentro do que é a coordinación de bibliotecas está a se apostar cada vez máis. Vese que o blog funciona e que ao cómic hai que lle dar máis importancia e incrementar os orzamentos destinados a isto. Para este ano queremos participar tamén en Viñetas desde o Atlántico dalgún xeito, pero imos pouco a pouco", explica Serrano. A maiores, están a traballar nunha bibliografía básica para coordinar as novas adquisicións das bibliotecas municipais. Por outra banda, desde Centro Superior Bibliográfico anuncian, para o vindeiro mes de setembro, un curso a distancia sobre o emprego da novena arte en bibliotecas. "Estamos a facer unha lista de obras aconselladas, un pouco de historia e tamén falamos algo dos tipos actuais de BD para que a xente poida ver un pouco o que hai", explica Buján. "Logo falamos de como organizalas nunha biblioteca, como traballar con elas ou organizar obradoiros". Polo momento a iniciativa acadou un bo número de inscricións, polo que agardan que sexa un completo éxito.

Promesas de futuro
En xeral, a xente das bibliotecas consultada coincide en augurar un bo futuro para os cadriños neste ámbito. "Penso que temos uns bibliotecarios aos que lles interesa moito este tema. Agardo que se poida introducir máis no mundo dos adultos. Desde logo penso que se vai incrementar moio préstamo deste tipo de materiais, e isto vaise ver moi facilitado pola calidade dos autores. Desde logo, unha vez que a BD vaia acadando o prestixio cultural xa quedará con el. E iso deberá supor un incremento de vendas e que máis xente poida vivir do medio", salienta Buján, que incide especialmente na alta calidade e na variedade do cómic a nivel internacional. Tamén Pérez Fernández ve un bo futuro para esta arte. "Penso que é moi prometedor. Hai unha demanda grande, especialmente de manga, por parte dos rapaces, e desde as institucións está a se apoiar coma industria cultural. Ademais, a aparición de novas publicacións en Galicia vaille dar máis folgos. Hoxe en día vas vendo mesmo como as bibliotecas pequenas teñen o seu fondo". Ao tempo, todos coinciden en que a grande calidade dos actuais autores galegos vai supor un incentivo importante á hora de normalizar os cadriños nos nosos andeis.