Cabanillas é o primeiro poeta galego que chega a un dominio absoluto da métrica e do ritmo. Desde a súa conciencia poética, desde unha actitude modernista de experimentación rítmica e desde as súas facultades naturais, desenvólvese nun amplo rexistro métrico que integra o popular e o culto, o clásico e tradicional e o experimental. É, ademais de poeta, versificador de grande facilidade, capaz de expresar en verso calquera tema ou situación. A corrente do seu pensamento poético flúe sempre en musicalidades acaídas e impecables: cada idea atopa o seu ton, cada secuencia gramatical a súa harmonía, cada argumento a súa música. Este é o primeiro libro da Colección de Poesía Arte de Trobar, que é unha iniciativa do PEN Clube de Escritores de Galicia patrocinada por CAIXANOVA. [contracapa do libro]