Puntuación: 1.8/5 (81 votos)
Tras da publicación inaugural de "Ciclo de Venus" en 2001, aparece aquí o primeiro volume da serie, "Ciclo de Mercurio", presidido polo mensaxeiro celeste, o mediador, o condutor das almas, que representa o poder da palabra. Dúas comedias e dúas traxedias integran o ciclo: "Conto de abril", " A peso de ouro", "Silvania" e "Fisterra". Sobre un conto dos irmáns Grimm e outros de varias tradicións, que inspiran divertidas escenas no Ourense do século XV ou en lugares de fábula, e sobre ardentes personaxes que se debaten ao final dunha dinastía e dun reino en cicunstancias revolucionarias, o autor desprega ao longo destas catro fermosas pezas un estilo deslumbrante.
Idilios; a eterna danza da vida e do soño, do amor e da morte; o ocaso da Roma republicana; os conflitos do Imperio; a historia de Galiza; o martirio de Tréveris; o reino da Bretaña de Arturo; a ruína da Illa de Páscoa, desde a época das estatuas á dos caníbales; o Ourense do baixo medievo; o Xapón dos samurais; a China dos Iuan; a Islandia viquinga; o folclore do mundo. Tal é o vasto material ao que Millán Picouto, desde 1978, vén dando forma e sentido poéticos, encarnación escénica e disposición en ciclos planetarios. Unha obra dramática en verso, inusual no panorama das letras galegas, e incluso hispánicas, chea de forza, esplendor verbal e significación.
[contracapa do libro]