Puntuación: 1.8/5 (72 votos)
Concibido como un proxecto senlleiro e como celebración dos 50 anos de publicación de "Merlín e familia" de Álvaro Cunqueiro, Editorial Galaxia publica "Millor que dicila fora pintala...", un libro no que se vencellan dúas tradicións gráficas: a das ilustracións de Prego de Oliver á primeira edición da novela de Cunqueiro e a contemporánea, nada do cómic, o cinema e os medios de comunicación, de Fausto Isorna. Un libro de imaxes que é porta de entrada ao mundo do autor mindoniense: a Terra de Miranda, o universo de Merlín.
"Millor que dicila fora pintala...", libro deseñado e ilustrado por Fausto Isorna, é unha recreación do mundo de Merlín, o príncipe dos magos, segundo Álvaro Cunqueiro o soñou. Cincuenta anos despois, o debuxante Fausto Isorna volve escribir a historia, desta vez cos ollos do novo tempo, unha nova estética, unha nova mirada. Inspirándose no índice onomástico que Cunqueiro inclúe ao final do seu relato elabora unha homenaxe gráfica sorprendente, realizada coa técnica das colaxes, na liña de traballo de Max Ernst ou Lugrís, e na que se inclúen citas de obras de Prego de Oliver, de Tiziano, de Rafael Sanzio e Urbano Lugrís.
[Presentación editorial]