Puntuación: 1.7/5 (59 votos)
Lorenzo Varela é sen dúbida un poeta singular , mais tamén é unha figura que encarna actitudes e valores merecentes de homenaxe desde a universidade. Despois de anos de certa amnesia, obrigada ou non, vivimos agora un momento de reivindicación da memoria histórica, que é tanto como dicir de reivindicación dos valores democráticos e galeguistas que foran arrasados polo franquismo. Sesenta anos despois da caída dos fascismos alemán e italiano, a Europa democrática na que contamos afirmase sobre a memoria viva desas feridas. O seu recordatorio é o mellor antídoto e a mellor lección para as xeracións que van chegando.
Lorenzo Varela foi un emigrante máis, como tantos galegos, volcado despois de 1936 no exilio en te- rras americanas, primeiro en México, lo go na Arxentina. Na súa poesía galega está por todas partes a lembranza dos amigos, aquela xeración brillante de intelectuais, escritores e artistas que foron esnaquizados, silenciados ou obrigados a marchar lonxe da Terra. Quixera mencionar especialmente a Luís Seoane, tan ligado á súa obra en galego, como representaci6n dunha lista longa de máis. Todos eles son convocados a esta homenaxe, feita desde o mesmo golfo ártabro que defendera quen el chamou, sobre un gravado de Seoane, "María das batallas".
A Universidade da Coruña súmase así, neste 2005 , ao recoñecemento de Lorenzo Varela no Día das Letras Galegas. Facémolo neste libriño na mellor compañía posible, a compañía editorial de Isaac Díaz Pardo, amigo esencial de Varela e el mesmo memoria viva dese tempo. A conferencia que se publica é debida a Xosé Luís Axeitos, o noso mellor estudoso do exilio republicano e o editor da obra completa do poeta. Nos actos que se celebran na Coruña e en Ferrol inclúese ademais un espectáculo de CasaHamlet, Lonxe, sobre textos de Varela ditos por Manuel Lourenzo e Santiago Fernández.
A Universidade da Coruña continúa, agora cos seus versos, "camiño do tempo vello, / camiño do tempo novo" .
[Limiar de José María Barja. Reitor da Universidade da Coruña]