Puntuación: 2.0/5 (32 votos)
Estou enteiramente convencido de que o mellor libro de poesía ( ou conxunto unitario de poemas) de Lorenzo Varela é "Lonxe". Poeta de máis obra en castelán, constrúe o seu mellor libro en galego, non por discutibles excelencias do código lingüístico senón por algo menos discutible: o poemario está escrito, no esencial, desde instancias espirituais que remiten ó seu autor ó universo da súa infancia e adolescencia, esas patrias nas que Lorenzo contaba e cantaba a vida en lingua galega, o seu idioma fundante. "Se canta lo que se pierde", dixo don Antonio Machado, e Lorenzo Varela, en Buenos Aires, ferido da saudade, "cativo da súa tristura", canta os pequenos tesouros perdidos na lingua do paraíso. O idioma galego, que, no laboratorio do lingüista, non é superior (nin inferior) ó castelán, era, como expresión desas saudades, a luva perfecta da man: perfecta e conmovedora.
O libro, ilustrado con dez gravados por Luís Seoane (autor, tamén, da fermosa tapa), é unha peza de ouro da bibliografía poética galega. Publicouse en Ediciós Botella al Mar, colección que dirixía, con Seoane, outro ilustre exiliado, Arturo Cuadrado, autor do limiar, un prólogo no que acerta, de cheo, cando afirma: "... istes poemas están feitos de cinzas, como a materia primeira dos santos".
O exemplar que ofrecemos en edición facsímile posúe un valor moi especial: contén as sinaturas do poeta (Lorenzo Varela), do ilustrador (Luís Seoane) e do prologuista (Arturo Cuadrado). Ós tres, na distancia ou non, estivo moi vencellado Isaac Díaz Pardo, coeditor da presente edición. A Díaz Pardo, como editor, debe Lorenzo Varela, desde 1979, unha boa parte da súa presencia na República das Letras. El ten publicado, desde ese ano, libros do escritor (e sobre el) dentro dun ambicioso e xeneroso programa de publicacións, tan importante que algúns estudosos xa consideran a Isaac Díaz Pardo como o gran editor dos escritores do exilio.
Este volume de 1954 é un libro que honra a nosa literatura e que retrata a nobreza, a emoción e a dignidade cívica dun preclaro poeta galego que, lonxe, foi leal ás mellores bandeiras da II República española durante case corenta anos.
[Fragmento do Limiar de Xesús Alonso Montero ]