Puntuación: 2.0/5 (35 votos)
«Como ben salienta a profesora portuguesa Clara Rocha no seu extraordinario ensaio Revistas Literárias so Século XX em Portugal (1985), unha das funcións que desempeñan habitualmente as revistas e os xornais literarios -coidamos que tamén quedan comprendidos entre os segundos os suplementos dos periódicos- é a de arquivo do patrimonio cultural. No entanto, as revistas e mais os suplementos poden acabar converténdose en sepulturas de textos e imaxes, xa que os números sucesivos dunha publicación periódica van enterrando no olvido os que os precederon, pois a actualidade é caduca de seu. Por iso, ao cabo dalgúns anos, resulta acaído rescatarmos papeis vellos esquecidos para ver se resisten unha relectura e, tras sacudirlles o po e adobialos un chisco, poñelos de novo en circulación en formato de libro á procura do lector curioso. Con esta finalidade reunimos no presente tomo unha serie de artigos breves dados a coñecer en diversas publicacións galegas entre 1990 e 2000, aos que engadimos tan só dous inéditos de 2002 ("Valentín Paz-Andrade labra a súa imaxe" e "Castelao, actor teatral") e un deste mesmo ano: "Avilés de Taramancos e Castelao".
Ao ver reunidos estes textos sobre escritores e intelectuais tan diversos de catro xeracións decatámonos de que parece fluír unha corrente subterránea que confire a necesaria unidade ao conxunto. As ideas forza que servirían de fío unificador do volume non serían outras que a memoria, o esquecemento e a terxiversación. Temos a impresión de que, cando escribimos estas páxinas efémeras, a nosa aspiración básica era a de camiñar, sen excesivos xogos malabares, polo arame tendido entre o rigor histórico e o compromiso coas memorias nacional e obreira».
[Presentación editorial]