Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, 2017
O achado nunha tenda de antigüidades dunha estatuíña humana, de ouro macizo e fasquía precolombina, desencadea a organización da expedición Ceiba de Luz. Un grupo heteroxéneo formado por dezaoito persoas e comandado pola profesora Sandra Olivares embárcase na aventura de chegar ao mítico Eldorado. Durante máis de dous meses atravesan a selva amazónica no Perú na procura das culturas taimahuara e arapanac, ata alcanzaren a antiga cidade de Haripari. A convivencia provocará liortas, intrigas e traizóns, pero tamén relacións de amizade, amoríos e morte.En "Ceiba de Luz", Manuel Lourenzo González amosa a súa habelencia narrativa agasallándonos cunha novela de aventuras cargada de intriga onde as psicoloxías e as relacións dos personaxes, plasmadas nuns diálogos vivos, evolucionan no tan vizoso como abafante ambiente da selva amazónica. Como pano de fondo, a natureza virxe converxe coas culturas ancestrais para crearen un poder que se enfronta, desde o misterio, ao egoísmo e a superficialidade da sociedade en que vivimos. [Presentación editorial]