(Antoloxía: 1963-2016)
Neste libro de poemas, antoloxía da produción lírica de Xesús Alonso Montero desde 1963 ata 2016, o autor exerce de «fistor», de «vate popular», pero elevando a poesía bebedora das fontes do cancioneiro popular de tradición oral á condición de literatura culta. As súas composicións, de temática variada, como o propio título indica, están escritas "desde a concepción que as clases subalternas teñen das cousas e da sociedade".Versos antifascistas, versos contra a corrupción, o capitalismo e a monarquía, versos sobre lingua e literatura, versos de amizade e agradecemento, versos de homenaxe a republicanos exemplares, loas ao viño, á música e á rexouba, cántigas e cantigas... Todo isto e moito máis atoparemos nesta agardada compilación dos poemas de Xesús Alonso Montero, fistor letrado que, cando o ve necesario, utiliza con mestría o "alferrón cuestionador". [Presentación editorial]