XII Premio de Poesía Afundación Bazar de traidores retrata un cambio de era: outra guerra mundial pasou e non nos decatamos. O universo é violento, aínda que a rutina humana o faga parsimonioso. A sociedade non é máis ca unha ilusión colectiva, e a historia, demasiado grande como para prestarlle atención aos individuos e ao seu senso moral ou de xustiza. Mentres lemos, non atopamos fogar porque o eu poético non quere telo. Atravesamos un ecosistema de voces entrelazadas e ciclos que se solapa, redes nas que coñecemento e experiencia poden ser puro pecado ou apenas o único que coñecemos da redención. Arquívanse vidas constantemente, os manuscritos vólvense coiro... todo morre, mais algo haberá que utilizar para seguir construíndo un mundo. namentres, as pantasmas fican insepultas infectando o aire. Para a natureza non existe a santidade nin nada inviolable. Os límites entre inspiración, colonización ou prostitución nunca foron claros. Pode ser que esteamos posuid@s. Ou que nesta realidade fugaz, bondade e maldade non sexan máis ca unha cuestión de comunicación. [Presentación editorial]