Nesta biografía de Faustino Rey Romero (1921-1971), o crego e poeta antifranquista de Isorna (Rianxo), recóllense moitos dos sorprendentes comentarios que sobre el foi escoitando Xosé Ricardo Losada, autor da obra, na súa vila natal. Algunhas persoas de Rianxo considerábano un sátiro, polos seus amoríos, festas e extravagancias de todo tipo; para outras era máis ben un anxo, que lles daba aos pobres todo o que tiña. En Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo inténtase resolver definitivamente ese dilema mostrando a fascinante personalidade de quen decidiu vivir para ser amado ou para ser odiado, non para ser comprendido. Nin sequera a familia e os amigos máis próximos de Faustino chegaron a intuír o segredo íntimo que dirixía o seu estraño comportamento nin o enorme custo persoal que iso lle reportaba e que aparece de manifesto nesa recorrente angustia dos seus escritos. Xosé Ricardo Losada descobre ese segredo nunha obra onde se revelan a vida e a obra de Faustino Rey Romero desde unha perspectiva nova e desconcertante. Fotografía da capa: Faustino Rey Romero xunto ao tamén poeta Baldomero Isorna a comezos da década de 1960. Fotografía de Francisco Buceta Gómez, “Pasarín”. [Presentación editorial]