Coñecemos a obra literaria de Rafael Dieste , o seu traballo dramático, a poesía, os relatos, mesmo a singular ensaística por el creada, pero pouca xente sabe da súa investigación filosófica, do seu profundo e lento proceso de estudo matemático, xeométrico, desenvolto ao longo de anos de traballo. En "Dos arquivos xeométricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste", Xosé Díaz (Lugo, 1980), armado da habilidade dun Félix Muriel contemporáneo, introdúcese nos mundos intelectuais do rianxeiro clarexándonos maxistralmente o designio diesteano do xeómetra, que é, asemade, o do poeta: participar na realidade suscitándoa ou revelándoa. [Presentación editorial]