...asegura que os titulares teñen un gusto a conversa de ascensor, sinala barcos depositados sobre o tendal do horizonte. ao meter segunda acompasa o motor ao rexistro e cóntache que cada vez con máis frecuencia debe manter conversas en idiomas estranxeiros. describe os músculos que convén exercitar: o puño e a letra, obxectos de transición, asentos, cinta illante. que escribimos ás escuras (detén o focus de segunda man no semáforo) e que a poesía é unha lingua minorizada dentro da pedra. de ámbar. dicías: a sedución do coral excretando os seus arrecifes. dicían: vou facer dieta. non, non é doado pronunciar patria nin matria nin earl grey, bonjour monsieur, quero un earl grey. non fala soa, conduce soa. ao paso da conversa saen ruídos, bárbaros dragóns, roupa barata. entón o poema abre os ollos e esperta no mundo real e só na lingua nai acada o propio silencio.
ela pon o coche en marcha outra vez.
[Contracapa da versión en galego. Texto de Xabier Cordal]