A mellor biografía dunha persoa son as súas obras. Roberto Vidal Bolaño tivo unha vida intensa, escribiu moito, dirixiu moito e interpretou moito. En Dez obras na vida de Vidal Bolaño, o xornalista, crítico teatral e escritor Camilo Franco analiza as dez obras máis importantes da carreira do dramaturgo galego que protagonizará no 2013 o Día das Letras Galegas.
Facendo un percorrido cronolóxico, o libro traza unha liña de vida desde cada unha das montaxes que converteron este escritor compostelán no principal autor de teatro galego do século XX. Nun ton ameno e divulgativo, acaído para calquera lector e pensado para os máis novos, Camilo Franco verque todo o seu saber sobre a figura de Vidal Bolaño, con quen tivo relación persoal, e sobre o seu teatro, no que é un dos maiores especialistas. [Presentación editorial]