Puntuación: 2.2/5 (106 votos)
Con esta biografía de Manuel Murguía, primeiro presidente da Real Academia Galega, o historiador Barreiro Fernández, que tamén presidiu esa institución, pon nas mans dos lectores unha obra magna, case mil páxinas para recoller e transmitir o tempo vital de quen foi unha das figuras esenciais do galeguismo.
Manuel Murguía (1833-1923) foi o máis destacado representante do nacionalismo galego no século XIX. A súa obra como historiador e escritor está dedicada enteiramente á idea de Galicia como nación; é autor de títulos fundamentais coma Los precursores e Historia de Galicia, nos que se asentan as bases da cultura galega contemporánea. Coa súa obra, a historia de Galicia configúrase como historia nacional. Vencellado á publicación da obra de Rosalía de Castro, con quen estivo casado, foi o primeiro presidente da Real Academia Galega.
O historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, un dos grandes especialistas na historia contemporánea de Galicia, traza nesta biografía un retrato fidedigno do personaxe e, con pulso narrativo e rigor documental, relata as circunstancias nas que a obra e as ideas políticas de Murguía viron a luz.
[Presentación editorial]