Memorias dun afiador rebelde
A comezos da década de 1950 Xosé Fernández Ferreiro funda en Ourense, xunto a Víctor Campos e outros compañeiros, o efémero grupo literario Xente Nova, coa intención de «buscar camiños novos para unha Galicia sen complexos, máis aberta ó mundo e dona de si», como di o autor. En 1957, en Madrid, coñece a Méndez Ferrín e con outros traballadores e estudantes galegos crean o grupo Brais Pinto. Estes dous acontecementos enfían a narración de experiencias vitais do autor de Agosto do 36, que se converten nunha historia persoal da Galicia política e cultural da posguerra. «Brais Pinto foi un intento de poñer ó día a cultura galega nunha dirección de vangarda. Unha conxunción de intelixencias e sensibilidades que aspiraban a unha renovación total de Galicia, política, literaria e artística.» (X. L. Méndez Ferrín) [Presentación editorial]