Vigo a 80 revolucións por minuto é unha crónica da movida viguesa da década de 1980 realizada por Emilio Alonso, colaborador activo deses acontecementos que supuxeron unha renovación conceptual das artes nunha época convulsa en Vigo, acabada a sociedade de saír dunha ditadura de corenta anos, con mobilizacións continuas de traballadores contra a reconversión do sector naval, con protestas estudantís en defensa dos seus dereitos, coa proliferación das drogas e as súas consecuencias… O 27 de decembro de 1981, no cine do Colexio Salesianos, celebrouse o que se pode considerar “acto fundacional” da movida viguesa: o primeiro concerto de Siniestro Total (con Julián Hernández, Miguel Costas, Alberto Torrado e Germán Coppini) prendeu a chama deste fenómeno que deixou unha forte pegada no desenvolvemento cultural de sucesivas xeracións. Nesta obra, cunha extensa e variada documentación gráfica e xornalística, ademais de falar da música, parte esencial da movida, concédeselle a relevancia que merecen a outras disciplinas como a poesía, a pintura, a moda e a estética, o teatro, a fotografía, o cine… E tamén ao xornalismo radiofónico e aos fanzines que difundían todo o que abrollaba na cidade atlántica que se chegou a converter por uns anos na referencia cultural da mocidade de toda a Península. [Presentación editorial]