Puntuación: 2.3/5 (56 votos)
Entrar neste libro ou, o que é o mesmo, tirar do fío da escrita de Pilar Pallarás, é realizar unha viaxe da que non se regresa incólume. E, de ningún modo, quere este comezo asertivo ser un aviso a viaxeiros, senón o apaixonado convite a unha experiencia lectora que será, en última instancia, a de reescribir cada quen o seu propio relato. Porque se de algo dispón, como marca orixinal, a linguaxe poética da nosa autora e máis concretamente neste libro,
Leopardo Son, é da capacidade de atraparnos na súa agónica (re)creación. Un combate corpo a corpo coa linguaxe que así se inventa como lugar privilexiado das transformacións. E se pasar dun estado a outro, mudar de forma, é unha lei constante da vida, do mesmo xeito o é a súa finitude. Finitude que non será só acabamento senón tamén límite ou contorna a facer posible o poema. Poesía que Pilar Pallarés perfila e lúe con pedra de sílex á fin, precisamente, de superar a condición efémera do existir erguendo un pálpito de permanencia, unha hora pura. Mais, erguer esa casa -"alicerces no sal /muros de sede"- é tamén descer até as profundidades da fenda, alí onde a noite da semente se desprega e a conciencia transfórmase canda a palabra. Abrollar da luz.
[Fragmento do Prólogo de Eva Veiga]