Puntuación: 1.9/5 (47 votos)
Neste novo libro-disco Xosé Carlos Caneiro, axudado pola voz de Emilio Rúa, agasállanos cunha viaxe poética moi singular. Nas súas propias palabras, tiradas do prólogo do libro, cóntanos:
Quería cambiar o mundo: velaquí a razón da miña poesía. O mundo concreto e sensible, cercano: aquel que doía, levantaba, acariñaba ou cuspía. Quería cambiar o mundo, prometo.
(…)
Creo que a poesía é o que fai mover o silencio. Non encontro definición máis certa para este libro de versos e cancións. Poema e canto. Para os gregos eran a mesma cousa; en realidade, cantor e poeta resultaban idéntica voz. Orfeo congregaba coa súa lira a homes e mulleres, tamén a ninfas e deuses e musas inspiradoras, para que contemplasen o movemento invisible do silencio. Ás veces choraban os seres reunidos, arrancadas as bágoas polo silencio. Ás veces repousaban a súa alma e deixaban correr entusiasmo: náufragos de ventura, felices.
Como escritor non encontrei aínda maior felicidade que un poema que emocione a quen o escoita (creo que a poesía sen emoción é unha mentira máis; unha acrobacia intelectual, hermética, críptica e voraz: carcome a literatura). Recito. Sempre. Camiño por diante, asfalto, nubes, quilómetros, verso por verso.
(…)
Con
Despois de ti, a chuvia só pretendo mover o silencio. Emilio Rúa entendeuno. A súa sensibilidade danza en cada nota e transforma, transfórmanos. A poesía segue cambiando o mundo. Con perdón, afirmo.
[Presentación editorial]