Puntuación: 1.7/5 (66 votos)
En Alvarellos Editora principiamos unha peculiar viaxe gastronómica por Galicia. E facémolo pola provincia máis xenuína: Ourense. O autor desta nova guía “secreta” que agora presentamos xa fora quen de gañar dous premios Gourmand en 2006 co seu orixinal libro 45 recetas con ortigas (Alvarellos Editora) e hoxe ofrécenos unha nova proposta que é tamén unha loita contra o esquecemento: a Guía secreta da gastronomía galega cuxo tomo primeiro conságrase á provincia de Ourense.
Martín Álvarez percorre as feiras, as festas, as romarías e os mercados do seu país ourensán e recolle deles as tradicións gastronómicas, as receitas ou os usos culinarios que corren o risco de se perder no mundo da globalización, pero que son unha das expresións máis fondas da nosa identidade.
Capítulo a capítulo vai pescudando, coma un Cunqueiro do século XXI, o país do millón de vacas. E nárranos a gastronomía dos peixes terra dentro, a horta do rianxo, os licores que elevan o espírito, os pans de millo e fariña triga, a repostería do arroz con leite, das chulas e das rosquillas... E atende tamén a eses establecementos –tendas, restaurantes, tabernas– onde degustar algo único.
“O meu obxectivo é espertar no lector a sensibilidade por amar todo aquilo que forma parte da nosa cultura, para así conservalo e deixárllelo como legado a xeracións futuras”.
Abramos, pois, as páxinas desta historia de sabores vellos, de sabores esquecidos, de sabores sorprendentes... E loitemos porque non morran.
[Presentación editorial]