Puntuación: 1.8/5 (77 votos)
Unha nova biblioteca de autor engádese ás xa publicadas de Otero Pedrayo e Vicente Risco, desta volta Editorial Galaxia inicia a Biblioteca Álvaro Cunqueiro. “Merlín e familia”, a novela fundacional da narrativa do autor mindoniense, é a obra escollida para dar principio a esta nova andaina. De seguido hase editar un volume que reúne toda a poesía publicada por Cunqueiro antes da Guerra Civil para, posteriormente, continuar con “As crónicas do sochantre”.
O obxectivo da Biblioteca Álvaro Cunqueiro é achegar ao lector, cun deseño específico que ilustra a cuberta cos extraordinarias cadros do pintor Urbano Lugrís, unha das obras literarias máis orixinais e transcendentes das Letras Galegas do século XX.
Publicada en 1955, “Merlín e familia” é a novela coa que Álvaro Cunqueiro comezou a súa obra narrativa logo de escribir varios libros de poemas. A historia dun Merlín xa vello e refuxiado nas terras da Miranda luguesa chega ao lector a través do relato dunha testemuña directa, o paxe Felipe de Amancia, que lembra os tempos nos que traballou como criado do mago. A historia desenvólvese cunha permanente tensión entre o marabilloso e o cotián; pola casa de Merlín pasan numerosos e curiosos personaxes na procura de consello, mais tamén se narran as aventuras de Felipe cando vai facer os encargos do seu amo.
Un universo único na literatura xorde nas fascinantes e engaioladoras historias que conta esta novela, que desde o momento da súa publicación en 1955 supuxo un fito no tocante á renovación da narrativa galega. En Cunqueiro, a arte do narrador, adobiada dun fino nesgo humorístico, sorprende pola capacidade para facer convivir o mito co mundo cotiá.
[presentación editorial]