Puntuación: 1.9/5 (87 votos)
En colaboración coa Escola de Arte Dramática de Galicia e coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, Editorial Galaxia tira do prelo un novo título da colección Biblioteca ESAD dedicada a textos teatrais traducidos para o galego. Trátase da
Obra dramática completa de Sarah Kane, unha das grandes innovadoras do teatro inglés do derradeiro cuartel do século XX. O libro leva un interesante e documentado limiar de Manuel F. Vieites, que tamén se fixo cargo da tradución.
A mediados da década de 1990, a piques de finalizar o século XX, abrollan na escena inglesa unha manchea de textos que provocaron reaccións ben similares ás que se produciran a finais da década de 1950 coa irrupción dos mozos irados. Desta volta son as mulleres, entre elas Sarah Kane, que chegará a ser unha das autoras máis interesantes do panorama teatral en Europa.
a
A edición da
Obra dramática completa de Sarah Kane que agora presentamos inclúe cinco textos dramáticos (
Derruba, Amor de Fedra, Límpidos, Degoiro, 4.48 Psicose) e un guión (
Pel). Trátase de pezas herdeiras, en moitos aspectos, do teatro da crueldade do escritor e actor francés Antonin Artaud, pezas nas que o corpo adquire protagonismo e o texto é un reflexo ou un medio no que a materia carnal se expresa. O ser humano non só como linguaxe e pensamento, tamén como corpo que excede os límites da representación.
Malia a tráxica desaparición da autora en 1999, a súa obra segue e a ter unha fonda vixencia e actualidade por mor deses mundos dominados pola dor que tan ben soubo reflectir e que nos falan dun forte compromiso coa vida.
[Presentación editorial]