Puntuación: 2.4/5 (40 votos)
Este libro é unha escolma das tres marías, máis antigas, precedentes de tantas e tantas mulleres loitadoras: María Castaña, María Soliña e María Balteira.
Esta é unha nova historia coas poucas fontes e referencias que delas hai, os moitos rumores que tamén corren ao falar delas e as ganas de facer algo que chegue ás rúas, ás escolas, ás novas xeracións de rapazas e rapaces que teñen que seguir a construír un mundo en que mulleres e homes sigan facendo del un lugar máis habitable no sentido máis humano e xusto da expresión.
Así a nosa pretensión sinxela é contar parte do seu devagar pola vida, cos atrancos que supuxo vivir no Betanzos do século XIII, no Lugo do século XIV e na Cangas do Morrazo do XVII, engadíndolle o feito de seren mulleres nun mundo de homes.
Non se pretende facer historia “compensatoria” falando destas tres mulleres concretas, senón de reivindicar a visibilidade das mulleres no devir histórico ao igual que aquilo de que “o pobo que non coñece a súa historia está condenada a repetilo”. E isto poderiamos estendelo á historia social, á historia das mulleres como parte integrante dunha sociedade que, por diversos motivos, as silenciou. Reivindicar as súas vidas, fazañas e movementos nas diferentes etapas da Historia, fará que as mulleres contemporáneas teñan referentes máis que suficientes para seguir cara ao camiño da igualdade como cidadás de pleno dereito.
[Introdución do libro]