A Sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega organiza esta tertulia sobre banda deseñada. Tres especialistas falan das singularidades da banda deseñada actual e a súa posición no sistema literario. Henrique Torreiro, organizador das Xornadas de Ourense; Kiko Da Silva, autor e promotor da revista “BD Banda”; Kike Benlloch, escritor, guionista de banda deseñada e membro do colectivo Polaqia.
A biblioteca do CCG no Pazo de Raxoi acolleu o martes 30 de maio ás 17 horas este encontro de reflexión e debate no que tres contrastados especialistas expuxeron os seus puntos de vista e opinións sobre banda deseñada. A posición desta arte no sistema editorial e literario, as cuestións estruturais que a afectan, a profesionalización dos artistas, autores e editores e a superación dos prexuízos sobre esta expresión creativa foron algúns dos temas que se trataron nesta tertulia. Henrique Torreiro é promotor da banda deseñada e un dos maiores expertos de Galicia, el é unha das persoas clave nas Xornadas de Ourense, ademais de exercer de xestor cultural en diversas iniciativas e publicacións; Kiko Da Silva é autor de banda deseñada e humorista gráfico, tamén é promotor da revista “BD Banda” que este ano presenta exposición no Saló del Còmic de Barcelona; Kike Benlloch é escritor e guionista de banda deseñada, forma parte do colectivo Polaqia que edita a revista Barsowia, traballa como produtor do portal Culturagalega.org.
A tertulia arrinca automaticamente cando cargas a páxina.Pode tardar un pouquiño antes de comezar.