AVGj | O soportal do audiovisual galego - culturagalega.org Páxina principal do Soportal do Audiovisual Galego Páxina oficial do Consello da Cultura Galega


HISTORIA DO CINE GALEGO (1896-1979)

5. O Cine na República (1931-1936)

Esta é unha das etapas máis interesantes do cinema galego, máis polo que puido ser que polo que foi. A implantación do cine sonoro coincidiu coa instauración dun novo modelo de goberno: a República. Durante este período cheo de ilusión e liberdade é cando agroman as figuras máis sobranceiras da historia do audiovisual galego, a "tríade de ourensáns": Carlos Velo, José Suárez e Antonio Román. Uns cineastas que estiveron abertos as vangardias cinematográficas conectando coa modernidade europea. De súpeto, a mirada fílmica galega estructurábase, por primeira vez, con criterios estéticos e narrativos, entendendo o documental como a canle axeitada para abordar inquedanzas artísticas, culturais, etnográficas, científicas e sociais.


5.1 CARLOS VELO
Biografía
Carlos Velo Cobelas naceu en Cartelle (Ourense) no ano 1909. Realizou o bacharelato en Ourense e estudiou bioloxía na Universidade de Madrid. Foi dirixente da FUE e orgaizou na Residencia de Estudiantes, xunto con Buñuel, un dos primeiros cineclubs de España. Realizou en imaxes a súa tese doutoral dobre a comunicación das abellas. Durante a República dirixiu documentais. Ó finalizar a Guerra Civil tivo que exiliarse a México. Alí primeiro deu clases de bioloxía nun liceo para despois adicarse ó cine, como director e como mestre na escola de cine de onde saíron a noca xeración de cineastas mexicanos como o coñecido Arturo Ripstein. Foi ó cárcere acusado de fraude no tratamento dos fondos públicos. En 1984 veu a Galicia recibindo, de parte da Xunta, o premio "Mestre Mateo" e en 1985 fíxoselle unha retrospectiva-homenaxe no Festival do Carballiño. Finou en México D. F. no ano 1988.

Filmografía
A maioría dos créditos das curtametraxes documentais (feitos durante a República) poñen que son co-dirixidos con Fernando Mantilla pero, segundo varias fontes, o traballo deste limitábase á tarefas de producción.
La ciudad y el campo (1934)
Almadrabas (1935)
Castillos de Castilla (1935)
Felipe II y El Escorial (1935)
En un lugar de Castilla (1935)
Saudade/ Santiago de Compostela (1936)
Galicia/ Fisterre (1936)
Yebala/ Romancero Marroquí (1938)
Longametraxes en México:
Torero (1956)
Chistelandia (1958)
Nueva Chistelandia (1959)
¡Vuelve Chistelandia! (1959)
Pedro Páramo (1966)
Don Juan 67 (1967)
5 de chocolate y 1 de fresa (1968)
Alguien nos quiere matar (1969)

Fragmentos
Consérvanse imaxes de varios documentais na Filmoteca Nacional en Madrid La ciudad y el campo, Almadrabas, Felipe II y El Escorial (versión alterada), Galicia (fragmento) e Yebala / Romancero Marroquí (recentemente restaurada). Tamén se poden conseguir imaxes das súas películas mexicanas.

Comentario de obra
Foi considerado como o fundador do documental español. Coa súa experiencia cineclubista, Carlos Velo coñeceu o que estaban a facer as vanguardias cinematográficas europeas, unhas referencias que sintetizou na súa filmografía. Nos seus documentais estaban enfocadas como "misións pedagóxicas" xa que reforzaba o seu enfoque didáctica. Filmes feitos cun fortísimo ritmo baseado no montaxe ó xeito de Einsenstein.

No seu filme Galicia describe a verdade galega xa que era un díptico onde se diferenciaba entre a Galicia do interior e a da costa. Esta película é un traballo sobre o espacio cunha vertente plástica (angulación e planificación) que atendía a postulados ideolóxicos: o traballo colectivo fronte os privilexios dos propietarios e dos caciques. Neste filme tamén colaborou Castelao debuxando os títulos de crédito.

Xa en México realizou dúas obras subliñables: Torero! (que recibiu moi boas críticas no Festival de Venecia) e Pedro Páramo unha boa adaptación da novela homónima de Juan Rulfo.

Comentarios
Había un rapaz que tiña moitos cartos, que se chamaba Tony Román (...) Formábamos un grupo co fillo do fotógrafo Pacheco que era o que tiña material cinematográfico (...) Levábamos unha rapaza a atabámola á vía do tren agardando a que chegase o convoi, e máis tarde descubrimos que iso podía facerse con trucos poñendo primeiro a rapaza e despois o tren. Era a etapa de Méliés, traballabamos cunha camariña de 9 mm. Despois fixemos películas de fantasmas e íamos descubrindo cousas extraordinarias que agora son normais.
Carlos Velo

O día que eu vexa unha película en galego e con subtítulos en Castelán, será o día de máis ledicia da miña vida.
Carlos Velo

Bibliografía
FERNÁNDEZ, M. A.; Carlos Velo. Cine e exilio. A Nosa Terra, Vigo, 1996.
NOGUEIRA, Xosé; O cine en Galicia. A nosa Terra, Vigo, 1997.
QUIROGA VALCARCE; Luís A.; "Do sonoro á Guerra Civil: os anos republicanos (1930-1936)". CASTRO DE PAZ, J. L.; Historia do cine en Galicia. Vía Láctea, Oleiros, 1996.
REDONDO, Fernando; Carlos Velo: discurso informativo e didáctico no cine documental da II República. Tese de doutoramento, USC, 2001, (inédita).


5.2. JOSÉ SUÁREZ
Biografía
José Suárez Fernández naceu en Allariz en 1902. Desde moi novo sente interese pola fotografía. Estudia dereito en Salamanca, o rematar publica o seu primeiro libro de fotografías. Logo fai, con bastante éxito, exposicións en Madrid e París. A productora Cifesa proponlle o paso ó cinema realizando unha serie de documentais. A Guerra Civil interrómpelle este proxecto e ten que exiliarse en Arxentina. Alí segue facendo cinema, mais como director de fotografía que de director. Colabora como correspondente fotográfico cunha chea de xornais e revistas: El Día, La Prensa, Life, U.S. Camera,... Realiza fotografías sobre a cultura tradicional do Xapón, sobre La Mancha, sobre a tauromaquia e continua a serie fotográfica sobre Galicia que comezara nos anos 30. Finou na vila pontevedresa da Guarda en 1974.

Filmografía
Como director:
Mariñeiros (1936)
La mujer y el jockey (1939) En Arxentina.


Como director de fotografía en película arxentinas:
Los Carunchos de Florida (1938)
Mi suegra es una fiera (1938)
Oro entre barro (1939)
Malambo (1942)

Fotos
Hai unhas espléndidas fotografías no seu libro (ver bibliografía) que dan unha idea moi próxima do que puido ser o seu traballo cinematográfico.

Fragmentos
Non se conserva ningún fragmento do documental Mariñeiros.

Comentario de obra
Mariñeiros era o primeiro documental dunha tetraloxía que José Suarez ía adicar a distintos oficios tradicionais galegos (os restantes eran: Oleiros, Canteiros e Feirantes). O rodaxe comezouse en 1936 nas Rías Baixas. O estoupido da Guerra Civil alterou finalmente a filmación e a conclusión do proxecto. Na actualidade dáse por perdido a pesar de que hai novas de que o director conseguiu montar unha copia en Buenos Aires. Pola súa obra cinematográfica pódese albiscar certas sinais de cómo podía ser este filme, que non estaría moi lonxe dos criterios que empregaba Carlos Velo e Antonio Román. Sería unha aproximación dialéctica á realidade de Galicia, valéndose de solucións técnicas e lingüísticas inéditas ata entón, e dotando as súas imaxes de encadeamentos visuais e musicais plenos de ritmo, forza e poesía.

Testemuños
Que necesita uno recordar, con ayuda del arte, lo que tiene de continuo ante los ojos. Pues nada más difícil que recordar lo que se ve, que recordar, sobre todo, los momentos anteriores de lo que se está viendo. Ciertas vistas fotográficas tienen la virtud de una cinta cinematográfica, no nos dan una instantánea, un estado, sino todo un movimiento.
Miguel de Unamuno
no prólogo do libro de José Suárez "Cincuenta fotos de Salamanca" do ano 1932

Foi un cazador de realidades que sendo a cada intre distintas, son decote iguales a sí mesma. Xosé Suárez deunos a dimensión da actualidade sempiterna na que Galicia leva na súa máis acochada entrana. Deunos a verdade de Galicia fóra da cronoloxía. Deunos o ser de Galicia.
Domingo García Sabell

Bibliografía
GARCÍA FERNÁNDEZ, E. C.; Historia del cine en Galicia (1896-1989). Voz, A Coruña, 1985
NOGUEIRA, Xosé; O cine en Galicia. A Nosa Terra, Vigo, 1997.
QUIROGA VALCARCE; Luis A.; "Do sonoro á Guerra Civil: os anos republicanos (1930-1936)". CASTRO DE PAZ, J. L.; Historia do cine en Galicia. Vía Láctea, Oleiros, 1996.
SUÁREZ, José; Galicia. Terra, mar e xentes. Xerais, Vigo, 1981.


5.3 ANTONIO ROMÁN
Biografía
Naceu en 1911 en Ourense, a súa paixón no cinema veulle desde a súa infancia. O pai agasalloulle cunha pequena cámara facendo, de xeito amateurs, os seus primeiros ensaios fílmicos. En Madrid estudiou farmacia, asistiu a sesións de cineclubs, a tertulias e escribía críticas e artigos para distintas revistas. En 1932 comeza a súa filmografía primeiro con documentais influídos polas vanguardias e logo, despois de sintonizar coa "causa" nacional, na posguerra adícase a alternar a dirección nos filmes de ficción co traballo de guionista no cine español.

Filmografía
Documentais:
Terra meiga/ Poema visual sobre motivos gallegos (1932)
Canto de emigración. Romance en imágenes sobre motivos gallegos (1934)
Ciudad encantada (1935)
El oso y el madroño/ Madrid (1935)
Barcelona ritmo de un día (1939)
Mérida (1940)
Al borde del gran viaje (1940)
De la Alhambra al Albaicín (1940)
El hombre y el carro (1940-1945)


Ficción:
Intriga (1942)
La casa de la lluvia (1943)


Como guionista:
Raza (1941)
Escuadrilla (1941)
Sin novedad en el alcázar (1942)
Boda en el infierno (1942)
Los últimos de Filipinas (1945)

Fragmentos
El hombre y el carro ten unha copia Eloy Lozano e aparece un fragmento do documental de A Aldea de Ignacio Vilar.

Comentario de obra
Debido as súas afinidades ideolóxicas, fixo que a maioría da súa obra realizouna durante o período da dictadura debido as facilidades e confianza que lle proporcionaba a excepcionalidade de devandito réxime. Antonio Román polos seus comezos e pola semellanzas da súas obras con outros cineastas da República (Velo e Suárez), podendo metelo nesta clasificación. Pero curiosamente, a súa obra, a que máis interesa polo seu carácter galego, é o seu documental El hombre y el carro, rodándose interrompidamente entre 1940 e 1945. Para sacar adiante este proxecto contou coa axuda de Xaquín Lorenzo "Xocas", insuflándolle a esta producción, un forte carácter etnográfico afastado da estética turística e oficialista da época. A historia reflicte a concepción vital do carro (fabricación, uso e desmantelamento). Filme que segue os criterios estéticos e narrativos de Robert Flaherty (sobre todo no montaxe e no encadre), contribuíndo a realizar unha das obras máis subliñables da cinematográfica galega.

Testemuños
Comentario de Antonio Román sobre a súa película Canto de emigración. Romance en imágenes sobre motivos gallegos:
Un romance que va desgranando imágenes en lugar de palabras para contarnos sobre un apropiado fondo musical la historia del gallego que nace, del gallego niño que cuida las vacas, del gallego mozo que trabaja y emigra y, por último, del gallego hombre que regresa enfermo porque por lo menos quiere morir donde nació.

Comentario de Antonio Román sobre as posibilidades da curtametraxe:
Forma de cinema más apropiada para que el realizador pueda libremente expresar su personalidad, ya que en él no se pone la traba de un argumento complicado al que haya que sacrificarla.
La Región, 25-V-1935


Bibliografía
COIRA, Pepe; Antonio Román. Director de cine. CGAI, A Coruña, 1999.
GARCÍA FERNÁNDEZ, E. C.; Historia del cine en Galicia (1896-1989). Voz, A Coruña, 1985
NOGUEIRA, Xosé; O cine en Galicia. A Nosa Terra, Vigo, 1997.
QUIROGA VALCARCE; Luís A.; "Do sonoro á Guerra Civil: os anos republicanos (1930-1936)". CASTRO DE PAZ, J. L.; Historia do cine en Galicia. Vía Láctea, Oleiros, 1996.

 
||| AVG ||| O soportal do Audiovisual Galego................{ culturagalega.org }
       
Información
Novas
Reportaxes
Documentos
Certames
Boletíns
Profesionais
Todos
Actores
Directores
Guionistas
Productores
Entidades
Catálogo
Produccións
Extras
Videos
Zona fan
Historia
Profesionais
Inclusión en AVG
Para profesionais
Avisanos
Créditos
Correo