Espallados polo país, un feixe de pequenos museos sobre os máis variados temas funcionan como focos culturais

Un mundo de micromuseos

Non todos os museos son grandes edificios que queren se converter en referentes do ámbito que abordan. Canda ás grandes infraestruturas por todos coñecidas, existen por todo o noso país un lote de pequenas iniciativas, polo xeral situadas no rural, que buscan, con modestia, pór en valor os máis curiosos elementos ou destacar cuestións de orgullo local. Son os nosos micromuseos, unha parte esquecida do noso tecido cultural.

Hai poucas semanas chegaba a uns poucos medios a nova da apertura na Cañiza, entre Pontevedra e Ourense, dun museo. O Museo do Realismo NAS, que ocupa a antiga casa cuartel da aldea, recolle obra do pintor Diego de Giráldez, natural do lugar, canda a imaxes e referencias da súa biografía. Un enclave artístico que de certo pode sorprender aos viaxeiros que opten por parar nese recuncho afastado da nosa xeografía. O caso non é único. Espallados por todo o país, e especialmente no ámbito rural, sobrevive un lote de iniciativas culturais de pequeno tamaño coa que os concellos aspiran a ampliar a súa oferta de cara aos visitantes, a pór en valor o seu patrimonio ou a amosar elementos dos que se senten orgullosos.

Peculiares
Aproveitar as peculiaridades locais adoita ser unha das bases fundamentais destes centros. Así, non nos debe sorprender que Cambados conte cun Museo Etnográfico e do Viño, que Cangas prepare o da Balea ou que Camariñas teña o do Encaixe, sendo estes elementos fondamente vencellados a estas vilas. De xeito semellante, a Colección Visitable Seno de Corcubión ou o Provincial do Mar, en San Cibrao (Lugo) céntranse na temática mariña tan propia destas localidades. De calquera xeito, quizais o tema que conte cunha maior abundancia de exemplos é a etnografía. A relativa facilidade con que se poden recuperar na veciñanza obxectos fóra de uso que testemuñan o xeito tradicional de vida leva en moitos casos a que, ben por iniciativa popular, ben por proposta municipal, se cree un centro deste tipo. Así, atopamos espazos deste tipo en lugares coma Artes (Ribeira), A Capela, a Casa do Patrón de Codeseda (Lalín), o Museo Etnográfico e da Historia de San Paio de Narla, o da Limia, o da Fonsagrada, o do Forno do Forte en Malpica, o de Bretoña ou do Cebreiro, por citar só un poucos. En ocasións, estes espazos acadan converterse en centros que conseguen dinamizar a vida cultural do seu contorno inmediato coa programación de conferencias, exposicións temporais e outras actividades. Ao tempo, son habituais os casos nos que estes centros aproveitan construcións rehabilitadas coma muíños, que atopan así unha nova utilidade social.

Azar
En moitas ocasións, as orixes destes centros son do máis azarosas, desde coleccións privadas que se transforman en centros visitables, como pode ser o Museo do Xoguete de Allariz, ata apostas municipais por unha temática concreta, coa correspondente adquisición de fondos. Este é o caso, por exemplo, do Museo de Reproducións Artísticas da Idade Antiga no que está a traballar o concello de Cedeira. Aínda hai casos, coma o xa mencionado da Cañiza, ou o do Museo Bello Piñeiro de Ferrol, no que a obra dun artista local pasa a se integrar na oferta cultural do concello. E logo un pouco de todo, como poden ser o caso do Museo Parroquial de Monterroso ou o de San Martiño de Mondoñedo (en Foz) , que agrupan obxectos antigos, pezas de arte sacra ou cadros e esculturas. Xa centrados na Arte Sacra atopamos aínda casos coma o Museo de Arte Sacra das Clarisas de Monforte, o Iconográfico de Allariz, o de Iria Flavia o de Santa María do Campo ou o de Vilanova de Lourenzá, o que revela as posibilidades que teñen estes elementos á hora de se pór en valor.

Monotemáticos
Dentro do esforzo por se diferenciar dalgúns destes museos, non nos debe estrañar que haxa propostas moi especializadas. Quizais un dos máis curiosos que podemos atopar no país é o Museo do Moucho. Este establecemento de Cerceda centra a súa actividade no animal que lle dá nome. Ata 5000 representacións diferentes desta ave nocturna poboan os seus andeis, ao que se engaden unha biblioteca e unha videoteca co mesmo eixe. Outra casa temática é a do Mel, situada en Goente, As Pontes, e xestionada pola Asociación Galega de Apicultores. O edificio funciona coma un centro didáctico que recibe multitude de visitas escolares ao longo do ano e amosa todas fases proceso de elaboración deste alimento e as súas variedades. E aínda atopamos, en Sobrado dos Monxes, a Casa do Queixo, un complexo no que se ofertan desde un museo dedicado a este alimento a actividades didácticas centradas no mundo rural. Dentro as iniciativas deste centro, inclúense campamentos e mesmo un curioso zoolóxico de animais domésticos que permite aos urbanitas entrar en contacto directo con especies tan curiosas coma as vacas ou as galiñas.

Optimización
Malia á escasa entidade en canto a fondos ou actividades que poden ofrecer algúns destes espazos, hai lugares, coma Allariz, que fan deles un auténtico atractivo para a vila. Neste caso concreto, a proposta pasou por crear unha rede destes pequenos museos, cunha temática variada (Iconografía, empregos do río, Vicente Risco...) que tenta convidar a ir paseando dun a outro. Nunha iniciativa diferente, os veciños do Couto Mixto apostaron por facer das propias aldeas un Museo Aberto, no que se aproveita ao máximo as peculiaridades arquitectónicas, etnográficas e históricas do lugar sen as concentrar nun espazo concreto.

Persoeiros e outros
A lista de micromuseos pode continuar, por exemplo, con aqueles dedicados a persoeiros. Xa mencionamos o Bello Piñeiro de Ferrol, en Valga están a traballar para abrir a Casa-Museo da Bela Otero e en Poio reivindican a orixe de Cristóbal Colón co proxecto dunha instalación semellante. Seguindo por outras pólas, este mesmo concello, ademais, está traballar tamén nun parque artístico centrado no tema da memoria, para o que conta co apoio do premio Nobel Adolfo Pérez Esquivel. Pola súa banda, en Culleredo aproveitaron o Muíño de Mareas que teñen en Acea da Ama para crear un pequeno centro dedicado ás diferentes construcións de moenda. E por aí poderiamos seguir.

As evolucións
Visto co transcorrer do tempo, compróbase que, nalgúns casos, estes pequenos espazos de cultura acadan transcender a súa condición local e fanse referentes nos seus distintos ámbitos. Un dos casos máis evidentes é o Museo Massó de Bueu, en 1992 pasou ás mans da Xunta e en 2002 abría as portas. O centro contén toda unha variedade de elementos vencellados basicamente por ter conformado a colección da familia Massó e por teren algunha relación co mar. Claro que con este epígrafe hai desde cartas náuticas a manuscritos, libros de cabalaría ou maquinaria industrial. Unha vía distinta que tamén deu nunha maior proxección exterior foi a que seguiu a colección Olimpio Liste de Etnografía. Desde o seu pequeno establecemento no recinto do Mosteiro de Oseira, a ampla colección que compilou este home superou aquelas paredes e deu para abrir en Vigo un museo con fundación propia. Outro centro que deu unha volta curiosa foi a colección de gravados que se expuñan nun anexo da casa de turismo rural A Reitoral, no Concello de Artes. A partir daquel xermolo, naceu a Fundación Museo do Gravado e da Estampa Dixital que ten nesta localidade de Ribeira a súa sede.


Cidades e futuros
Aínda que a maior parte dos exemplos que citamos está vencellados ao mundo rural, tamén nas grandes cidades atopamos pequenos museos coa máis variada temática ou composición. Pódense citar por exemplo as múltiples casas museo da Coruña (Pardo Bazán, Casares Quiroga....), ou a colección de reloxos que se pode visitar no consistorio herculino. Na universidade compostelá atopamos curiosidades coma o Museo de Historia Natural Luís Iglesias, ou a Colección de Anestesioloxía e Reanimación. A lista é verdadeiramente ampla e variada, e aínda que hoxe moitas destas propostas poden parecernos cativas, ¿quen sabe onde poden chegar?