Unha aldea na que o mundo continuou

As escavacións na aldea mindoniense de Combarro amosan como a caída do Imperio romano non colapsou as prácticas da sociedade galaicorromana

As escavacións na aldea mindoniense de Combarro amosan como a caída do Imperio romano non colapsou as prácticas da sociedade galaicorromana
A aldea de san Vicente de Tigrás. Foto: CISPAC
A última campaña na aldea de Combarro (San Vicente de Tigrás, Mondoñedo) permitiu comprobar que neste poboado arrasado por un incendio a inicios do século VI as sociedades posteriores ao Imperio romano mantiveron as tecnoloxías do pasado e comezaron a procurar un novo modelo para a organización do rural galego.

A pequena aldea de Combarro atópase no subsolo da actual aldea de San Vicente de Tigrás (Mondoñedo), nunha fermosa paisaxe rural. O edificio que está a a ser escavado por un equipo do Centro de Investigación en Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) estivo habitado no século V e ficou arrasado por un forte incendio -do que non se coñecen as causas- a principios do século VI. Antes diso, deulle tempo a formar parte das permanencias e cambios nos que o nacente reino de Galicia afrontou trala caída do poder central romano, coas comunidades campesiñas se adaptaron ao novo mundo. "Polo que vemos nesta intervención ou nas que facemos no xacemento de Valencia do Sil, en Valdeorras", explica a arqueóloga Celtia Rodríguez, directora da intervención, "a desaparición do poder romano non supuxo o esquecemento de técnicas como a metalurxia ou a minería, que continuaron a ser utilizados". O achado de escouras de ferro e dun fondo de cubeta permiten certificar que naquela aldea mindoniense producíase ferro, "probablemente para elaborar ferramentas de uso cotián".


Fondo de cubeta de ferro. Foto: CISPAC

Os achados axudan a constatar os estudos ben temperáns que un equipo de edafólogos dirixido por Antonio Martínez Cortizas publicara en 1997, cando os estudos arqueolóxicos sobre a Galicia altomedieval eran practicamente inexistentes alén dalgunhas excavacións no interior de igrexas. "Chama a atención o significativo contido en chumbo para a data do ano 615 , e que debe poñerse en relación co período xermánico", explicaban, "un ámbito no que o silencio das fontes, tanto as escritas como a parquedade das arqueolóxicas, levaron a propoñer que as explotacións mineiras se manterían en niveis ínfimos se é que non se detiveron totalmente". Case trinta anos despois, estas investigacións pioneiras en Valencia do Sil ou nesta modesta aldea rural permiten constatar o que o análise do solo das turbeiras de Galicia estaba contando: as actividades máis tecnolóxicas de época romana continuaron no período suevo e posterior.

"Esa imaxe de decadencia vinculada á marcha do Imperio é totalmente errónea", afirma con rotundidade Celtia Rodríguez, "estas sociedades comezan a organizarse por si mesmas". Canda o achado de metalurxia, para Rodríguez hai outro achado máis sintomático neste sentido. "Trátase da olería", explica, "aquí en Mondoñedo hai unha tradición oleira moi importante. Pois ben, observamos que estamos nun momento no que se está a reorganizar a produción de cerámica". Nas campañas anteriores, os arqueólogos localizaran en Combarro a presenza de numerosos fragmentos de cerámica procedente de Lugo. A cidade romana tiña unha gran actividade como produtora de cerámica para o noroeste que continuou mesmo nesas datas tan tardías. Para os habitantes de Combarro, era cerámica de certo luxo, destinada ao servizo de mesa. "Pero atopámonos con outro tipo de cerámica, que utilizan para cociñar, que teñen defectos de cocción. Son produtos que non están perfectos", explica Celtia Rodríguez, "pero o que vemos é que están a probar novas maneiras de facer cerámica". Aínda que a arqueóloga non sabe polo momento se a cerámica se elaboraba no propio Combarro, o que parece claro é que a vella estrutura comercial da cerámica no Imperio romano, que se concentraba en puntos concretos de produción industrial, se cadra estaba a se transformar en algo máis coñecido na sociedade tradicional galega: un conxunto de pequenos centros oleiros repartidos polo territorio que subministraban útiles cerámicos ás comarcas do rural.


A intervención arqueolóxica. Foto: CISPAC

A intervención continuará o vindeiro ano, apoiada polos datos que están a ser remitidos aos laboratorios do CSIC. En concreto, a composición de diferentes fosas e estruturas en negativo localizadas. Rodríguez está intrigada con todo un conxunto de furados de poste que aparecen ao carón dun valado que parece delimitar esa parte do xacemento. "Non sabemos se son contemporáneos da aldea, anteriores ou posteriores", explica a arqueóloga, "poden ser algunha estrutura vinculada aos traballos ou mesmo estruturas máis antigas". As datacións axudarán, agora, tralo traballo de campo, a enriquecer o coñecemento sobre unha das primeiras aldeas tardoantigas escavadas no país.