Os entroidos do Oriente Ourensán xa son Festa de Interese Turístico Nacional

O BOE publica a declaración que integra as festas de Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso

O BOE publica a declaración que integra as festas de Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso
Boteiros. Fonte: Entroidos do Oriente Ourensán
O Boletín Oficial do Estado (BOE) oficializou este 11 de setembro a declaración dos entroidos de Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso como Festa de Interese Turístico Nacional. O recoñecemento, que a Secretaría de Estado de Turismo adiantara o pasado mes de xullo, aplícase a unha candidatura unitaria das tres festividades baixo a denominación Entroidos do Oriente Ourensán.

Segundo apuntou esta entidade, a declaración recoñece "o seu carácter ancestral e valores culturais, e polos que son unha celebración de grande atractivo turístico". A candidatura conxunta dá conta das "características comúns e entrelazadas" destas celebracións. Así, apúntanse a celebración dos folións, que visitan as diferentes aldeas implicadas, as mázcaras de Manzaneda e os boteiros de Vilariño Viana como elementos destacados destes eventos.

Ademais, apúntase tamén o esforzo por garantir a promoción e difusión destas tradicións, co Festival Internacional Mascarada Ibérica ViBoMask que se celebra en Viana do Bolo e Vilariño de Conso como exemplo destacado. Con esta, son xa once festividades galegas que contan con este distintivo estatal, entre elas os entroidos de Verín e Xinzo de Limia.