A aplicación do sistema de localización GPS ao turismo pode favorecer a valorización do rural

A buscar as coordenadas do turismo rural

Aproveitar a tecnoloxía do Sistema de Posicionamento Global (GPS) para coñecer mellor o noso contorno e favorecer o turismo. Esta é a idea que a pasada semana presentaba a empresa Dimensiona. Mesturando as novas tecnoloxías cun ollar diferente sobre o noso medio rural, a proposta tenta abrirlle vías ao turismo no país.

A proposta, basicamente, consiste en camiñarmos polo campo cun aparello de localización que nos indica en cada momento por onde se debe ir nunha ruta determinada. Tamén levamos con nós unha pequena publicación na que se inclúe información detallada sobre diferentes atractivos naturais ou culturais que se atopan no camiño. Esta curiosa iniciativa, aínda en fase de proxecto piloto, presentábase a semana pasada ao lle outorgar a Dirección Xeral de I+D unha axuda a Dimensiona para o pór a andar. "A idea xurdiu un pouco en base ao coñecemento da tecnoloxía GPS. Ocorréusenos ver as posibilidades que tería de cara ao turismo", explica desde esta empresa María Xosé Fernández, coordinadora do proxecto. Canda a ela, está involucrada no proxecto Dehistoria, empresa que corre coa documentación para elaborar os camiños. Deste esta firma, Mercedes Vázquez explícanos á súa vez en que consiste a aplicación. "A proposta é un pouco facer unha ruta autoguiada. Montar unha ruta convencional é algo complexo porque hai que sinalizala. Pero se cada camiñante ou ciclista leva algo que lle permita seguila, resulta moito máis barato de organizar. E se ademais dispón dunha guía, podes falar doutras cousas que non aparecerían en sinais. É como cando vas a unha cidade cunha guía turística".

Primeiras propostas
De cara ao verán, está previsto que estean programadas tres rutas completas, que transcorrerán polo contorno de cadanseu establecemento de turismo rural. Polo momento, estase xa a desenvolver unha primeira arredor da Casa Grande de Vilanova, na Estrada. "Nun comezo", explica Fernández desde Dimensiona, "o proxecto está orientado de cara aos clientes de casas de turismo rural. A idea é que cada persoa poida se desprazar por rutas cun punto de saída e de chegada no establecemento sen necesidade dun acompañante". Está aínda pendente de concretarse o xeito en que se van pór a disposición dos interesados os necesarios aparellos GPS.

Piloto
"Polo momento estamos nunha fase piloto para ver se a proposta é viable e cales poden ser os problemas. Tamén queremos ver cal pode ser o público. A proposta esixe un certo atrevemento tecnolóxico a coller o aparello e lle dar sen medo aos botóns", completan deste esta empresa. Aínda que falta por ver ata onde pode chegar a proposta, polo momento a súa orixinalidade valeulle unha achega por parte da Dirección Xeral de I+D de 23.600 euros, o que supón a metade do custe total do proxecto. Desde Dimensiona teñen claro que hai unha chea de posibilidades detrás desta iniciativa. "No caso de resulte, podemos ampliar este produto por un lote de vías", explican. Por exemplo, existe a posibilidade de que os contidos das rutas se poidan descargar desde Internet.

Os contidos
Á hora de analizar qué tipo de elementos vai atopar no seu camiño a persoa que empregue estas rutas, desde Dehistoria teñen clara a súa proposta. "Trátase sobre todo de propor un xeito diferente de ollar calquera sitio. Os contidos tentarán un pouco ensinar a ler a paisaxe, tanto natural como humana", explica Mercedes Vázquez. "A simple vista calquera cidadán detecta como digno de ver, pola educación que temos, elementos coma a igrexa, o pazo ou o cruceiro. E hai moitas cousas máis", sinala. "Por exemplo, pódense explicar as tipoloxías de vivendas ou dos hórreos, que poden parecer pouco interesantes pero que teñen variacións para se adaptar aos diferentes cultivos e a cada zona". Canda a iso, nos traballos de preparación "ves construcións tradicionais, a mesma estrutura dos camiños, que varía entre o rueiro tradicional e os sitios onde houbo a concentración parcelaria, podes explicar de qué puido ser unha antiga fábrica..."

O patrimonio
Evidentemente, unha proposta deste tipo esixe un certo traballo de campo en cada zona concreta. "A simple vista, vaise pola estrada e semella que non hai nada", sinala Vázquez, "nós imos, facemos varios percorridos e imos afinando ata dar na ruta final". Advirten, de calquera xeito, que tentan achegar propostas para todos os públicos. A iniciativa pode supor a redescuberta dun bo feixe de patrimonio espallado polo noso medio rural, e desde Dimensiona apuntan o potencial deste sistema. "pode axudar a valorizar recuperar elementos da cultura popular, como muíños, que están no medio rural e que, se non facemos este tipo de cousas, tenderán a desaparecer". Será cousa de apañar o GPS e ir vendo o que podemos descubrir.