Con vinte anos de carreira ás costas, a Casa das Crechas mantense en Santiago coma un auténtico referente do imaxinario galego

O país das Crechas

O pub Casa das Crechas é para moitos turistas e visitantes a Santiago de Compostela unha lembranza destacada da cidade. O local leva xa vinte anos coma auténtica embaixada da música tradicional e da nosa cultura, amosándolle ao mundo unha Galicia consciente da súa identidade. Ao tempo, este espazo supón un lugar privilexiado para os amantes do folk do país e acolle un bo feixe de iniciativas culturais.

Non son poucos os peregrinos, turistas e antigos estudantes Erasmus que coñeceron e gozaron da Casa das Crechas. Este pub compostelán, que adoptou o nome da propia casa que ocupaba, cumpre agora vinte anos de actividade. Neste tempo un éxito destacado, chegando a se constituír nunha especie de escaparate de todo o país. E non só entre foráneos. Canda a eles, atópase unha fiel clientela do país, que comparte polo xeral o amor polo folk e o compromiso coa cultura galega. Desde unha ou outra perspectiva, este local ocupa por dereito propio un nome no imaxinario cultural galego.

Os valores de crechas
Xosé Luís Freire "Chico", Xulio Pérez Villaverde e Vítor Belho foron os iniciadores da idea, e tiñan bastante claro o que querían facer. "Crechas xorde para responder a unhas necesidades que nos afectaban directamente. Tiñamos unha fonda vinculación coa música tradicional, e queriamos un espazo que estivese a libre disposición para tocar e ouvir música. Eramos militantes dunha corrente que xiraba en torno á música popular e tradicional cos ollos postos no Atlántico, desde a música celta á lusofonía". A esta orientación fondamente musical do local, sumouse no cóctel que lle deu forma a Crechas unha clara conciencia social e política. "Os promotores facíamos parte dun activismo cultural e político e buscábamos espazos máis próximos á identidade e á cultura do país. Era un momento no que cumpría ir dando pasos prácticos na creación de elementos que en certo xeito reforzasen o noso caracter como nación e identidade diferenciada" completa Vítor Belho. Co tempo, estes riscos básicos completáronse con novas orientacións. "As persoas que participan no local, tanto traballando como clientes, son as que o van dotando de identidade. Cun ollar estratéxico vemos que aquel primeiro obxectivo foi ampliándose progresivamente, e o local foi facéndose un espazo aberto á diversidade, algo que se ve tanto na decoración como nos contidos musicais ou artísticos".

Galicia Crecha
En certo xeito, en Crechas son consciente do eco que ten o local internacionalmente. "Estamos situado ao final do Camiño de Santiago , e non podemos esquecer que somos tamén actores desde Camiño, e na medida en que estamos aí, contribuímos a xerar unha percepción a todas estas persoas que veñen", lembra Belho, quen tamén estende
Preguntados polo país que este local semella representar, Belho teno claro: "É unha Galiza aberta ao mundo, inqueda e disposta a participar e a colaborar. Penso que amosamos algo moi presente nas raíces da nosa identidade, que é ese espírito aberto e aventureiro".

Decoración 2.0
"O 90% da decoración do local están feitas e construídas por persoas amigas que sempre quixeron plasmar a súa presenza deste xeito", explica o responsable do local. Deste xeito, foi a base de agasallos que se multiplicaron as meigas que o poboan, os pratos que se poden ver espallados por todo o espazo ou mesmo diferentes tallas ou pezas de mobiliario. "Todos eses elementos teñen un valor afectivo incrible", recoñece Belho. Entre esas peculiaridades do local atópase a tradición de poñer moedas nos espazos entre as pedras das paredes. "É algo que xurdiu o día anterior á inauguración. Alguén que nos axudaba trouxo unhas moedas estranxeiras e púxoas na parede detrás da barra do primeiro andar. Dicía que a ver se seguían alí logo duns anos. Logo recolleuse a lenda e foise dicindo que era para ter sorte, para se protexer contra as meigas e foise estendendo a outros locais da cidade", apunta.

Cidadáns de Crechas
Do mesmo xeito que na decoración, a participación da xente é, para Belho, fundamental, á hora de definir Crechas. "Por moitos elementos decorativos que se poñan, o que realmente achega o valor ao local son as persoas que o configuran, esa paisaxe humana sen a que isto non sería máis que unhas paredes máis ou menos chegas de aditamentos". Claro que esa paisaxe que non queda só dentro das paredes. Existe toda unha "rede invisible" de contactos que vai por todo o globo. Asociacións, artistas, colectivos, e xente que pasou por Crechas ou comparte dalgún xeito o local. "Non está traducida nunha estrutura real, pero existe unha rede da que fan uso moitas persoas que estiveron no local fisicamente que tiveron coñecemento del, e nese sentido o local faise un punto de referencia importante a nivel simbólico", destaca este promotor, que non deixa de lembrar as achegas que todo tipo de persoas fixeron nestes vinte anos. Desde fontaneiros, artesáns, músicos, traballadores, clientes e persoas que achegaron propostas e colaboracións do máis variado.

Diversidade con nomes
En xeral, a diversidade é, hoxe por hoxe, un risco fundamental no bar. "Por idades hai rapaces desde oito anos, mesmo fillos de clientes, ata persoas que están xa nunha madurez avanzada", explícanos Belho, que completa un panorama de clientes, amigos e traballadores onde se dan cita culturas, procedencias xeográficas, afeccións, gustos musicais, ocupacións ou tendencias sexuais. No medio de toda esa paisaxe atópanse tamén algúns nomes coñecidos dos mundos das artes, os espectáculos, a política ou, como non, a música, aínda que desde a dirección do local teñen claro que "quizais ao final lembras máis as persoas que poden ter menos impacto público pero que che achegan cousas. Logo hai nomes importantes que son coñecidos, pero tampouco queremos significar a ninguén. É xente que acadou unha certa notoriedade pero que ao compartir cousas con eles non lles ves nesa dimensión pública. Acabas sendo máis camarada, conselleiro, psicólogo ou celestino".

Centro musical
Desde o comezo, Crechas constituíuse nun espazo imprescindible para escoitar folk en directo na cidade. "Non me gusta afirmar que teñamos sido primeiros nin máis importantes que ninguén en nada. Ao comezar asumimos sen ningún pudor que mentres noutros locais se facía jazz ou rock ou blues, o noso contorno ía estar vencellado ás formas tradicionais da música". Cada mércores, os amantes do xénero acoden en tropel ao soto do local para tocar e escoitar nunhas foliadas que son xa históricas. "Non consideramos a foliada parte da programación", indica Belho. "É máis ben unha tradición que se sostén polos músicos que acoden cada semana, contra vento e marea, movidos pola paixón".A importancia deste pequeno escenario do soto da Vía Sacra fica patente por ser durante anos unha auténtica posta de longo para as novas apostas da música tradicional. "Era coma un bautismo de lume para algúns artistas, ho xe por sorte contan con espazos máis interesantes que o noso, pero se cadra a maxia do local segue a se valorar", completa este promotor "aínda hoxe é coma unha familia que muda de cara e mesmo de idioma cada noite, e a experiencia que os músicos conseguen con iso non ten parangón con outros grandes escenarios".

Difusión sonora
O compromiso musical do espazo, para alén dos periódicos concertos que se programan nel, deu ao longo do tempo na creación de proxectos coma o Festival Folk Cidade Vella, que durante anos reuniu en Compostela nomes destacados deste xénero con novas promesas. Ao tempo, o local "tivo unha participación activa e unha perspectiva moi aberta en achegar novas propostas musicais, ben a través de concertos ben mediante a propia música que se pon no local. Son máis de 20.000 referencias musicais que temos na nosa discoteca, dos máis diversos países e contornos culturais", explica.

Aniversario
Os vinte anos do local veñen cun ambicioso programa de actividades. "A idea é reflectir a diversidade do local, apostar pola creación artística e concederlle espazo ás propostas máis recentes. Tamén queremos traballar coas posibilidades das novas tecnoloxías e facer tamén unha ambientación visual do local. Ciclos de curtas, concertos, exposicións, teatro, e todo o que nos propoñan e encaixe", explica Belho. Entre as iniciativas que están a barallar anda o organizar un encontro que reúna persoas desa "Rede Crechas" que están espalladas polo mundo, programando fóra do local e permitindo a participación do maior número posible de xente. "Tamén imos producir unha pequena escolma de temas dedicados a Crechas por artistas de diferentes puntos da xeografía". Como se pode ver, o país Crechas ten aínda moito que dicir.

20 anos de Crechas

20 anos de Crechas

Chico e Vítor Belho en pleno proceso de obras no local Fotografía cortesía de Vítor Belho

20 anos de Crechas

20 anos de Crechas

Quique Peón coa pandeireta, e ao fondo Ugía Pedreira, Merche e Ana de Leilía, e Davide Salvado, nunha espontánea actuación na parte superior do local. Fotografía cortesía de Vítor Belho

20 anos de Crechas

20 anos de Crechas

Quim Farinha ao violín co acompañamento de acordeón noutra das actuacións improvisada Fotografía cortesía de Vítor Belho

20 anos de Crechas

20 anos de Crechas

Chik McAuly toca con Paddy the hat. Este dúo é habitual de Crechas e achégase unha ou dúas veces cada ano. Fotografía cortesía de Vítor Belho

20 anos de Crechas

20 anos de Crechas

O falecido Luís Areán, inspirador do Conservatorio Folque de Lalín, toca a flauta acompañado por Quim Farinha, Manuel Amigo, César Morán, Pablo Caramés, e Zalo coa guitarra. Xuntos conformaban Dhais, un grupo especialmente ligado a Crechas. Fotografía cortesía de Vítor Belho