Un informe advirte da necesidade de reorganizar o ensino universitario

O futuro pasa polo presente



A Universidade do futuro ten que plantexarse de xeito diferente ó actual. E isto mesmo é o que plantexa o último informe elaborado polo Instituto Universitario de Estudios e Desenvolvemento de Galicia (Idega). Un estudio que advirte de tres factores: o primeiro, o descenso da poboación universitaria (estima unha perda dun 30% nesta década), a necesidade de replantexar o mapa de titulacións e, polo demais a diversificación da oferta.



Grandes males

Varios males afectan ó actual sistema universitario. En primeiro deles o descenso da poboación que, en función dos cálculos desenvolvidos polo Idega, farán que a universidade teña un 30% de alumnos menos ó rematar a presente década. E iso, en cifras, supón pasar dos 92.000 alumnos matriculados hoxe en día (nas tres universidades galegas) a uns 64.000. Pero o descenso poboacional non é o único problema que afecta ó sistema universitario. O segundo é que o actual peso da Formación Profesional, que está sometida a un proceso de reestructuración e de complementariedade con novas especializacións que gardan moitos paralelismos con titulacións universitarias (Imaxe e Son con Audiovisuais...). E a isto se lle engade a formación complementaria que ofrecen unha maior orientación cara o mercado de traballo (e que se complementa, en grande medida, con bolsas de traballo e un carácter moito máis profesional). Unha serie de síntomas que non teñen que ver moito cos propios atrancos e conflictos que se dan dentro do propio sistema universitario. E este problema ten que ver, segundo se desvela no informe elaborado por Idega, co actual mapa de titulacións, con carreiras duplicadas con escasa demanda (o estudio sinala o caso de Físicas en Ourense, que conta cunha matrícula que ronda os 25 alumnos) e o problema de financiamento. Precisamente un tema no que incidiron todos os candidatos nos comicios celebrados recentemente.












Grandes remedios


Para o problema do financiamento, que ocupa un dos capítulos máis extensos do informe, os seus autores destacaron a necesidade de que os recursos do sistema universitario se incrementen nuns 1.500 euros (unhas 250.000 pesetas) por alumno e por ano. E precisamente, o sistema de financiamento da universidade foi un dos puntos fortes nos que se centraron as campañas electorais celebradas recentemente nas universidades de Santiago e de Vigo. Senén Barro, o recén electo Rector da USC, falaba do feito de que se podían acadar vías de financiamento alternativas baseadas no princioi de eficancia. E para iso propuña a elaboración dun Plan de Financiamento propio baseado en tres liñas: a primeira delas sentaba un novo acordo de financiamento do Sistema Universitario de Galicia; a segunda delas, centraba un financiamento público adicional mediante fórmulas de contratos-programa e a terceira buscaba unha captación de recursos privados por parte da USC.
Outra das recomendacións que establece o informe elaborado por Idega, recomenda revisar o mapa de titulacións o que supón buscar unha diversificación da oferta a través de titulacións propias e o establecemento de "pasarelas" ou vínculos entre distintas carreiras para constituírse como unha fórmula atractiva para poder captar a un maior número de alumnos.












O informe

No pasado mes de xaneiro, investigadores e docentes procedentes das tres universidades galegas desenvolveron unha xornada ("O sistema universitario galego: balance e perspectivas") que tiña como obxectivo principal analizar a situación do sistema universitario galego. Daquela xuntanza creouse un equipo de investigación que foi o encargado de desenvolver o informe presentado onte. O informe estivo coordinado por Santiago Lago Peñas e Alberto Vaquero, do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo. Un traballo no que tamén traballaron María Jesús Freire, da Universidade da Coruña, e Manuel Castro Cotón e Sara Fernández López do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago.