Ourense homenaxea ó Carrabouxo cunha escultura, exposicións e mesas redondas

Vinte anos de humor

2/5/2002 | Santiago. Redacción | Seccións: Sociedade
33 lecturas | Compartido 0 veces
Foi en 1982 cando o humorista gráfico Xosé Lois botase a andar, nas páxinas do xornal "La Región" o que se convertiría nun dos personaxes máis destacados do imaxinario galego. O Carrabouxo cumpre agora vinte anos e a cidade de Ourense que o viu nacer homenaxéao dedicándolle unha estatua, varias exposicións, conferencias e mesmo representacións teatrais. Ademais, e coincidindo con esta celebración, publícanse dous libros que recollen historias realizadas por Xosé Lois e "La Región" entregará láminas deste autor onda o xornal entre o doce de maio e o doce de xuño.
O Carrabouxo
Un home novo, estremadamente alto, cunha boina calada sobre os ollos e un eterno cigarro na boca. O Carrabouxo vía a luz en novembro de 1982 dentro do xornal "La Región". Desde entón veu cumprindo a súa cita diaria cun público que o convertiu nun icono imprescindible da retranca e do pensamento popular do país. Varios volumes recompilatorios coas historias protagonizadas por este personaxe, curtametraxes de animación realizadas por Limaía Produccións e exposicións dos traballos de Xosé Lois foron algunhas das saídas que fixo o Carrabouxo fóra do xornal.

Vinte aniversario
O Carrabouxo será protagonista este mes de maio de múltiples homenaxes na Cidade das Burgas. Un dos recoñecementos máis orixinais e destacados será a instalación dunha escultura deste personaxe no parque de San Lázaro. Será unha estatua de dous metros vinte de altura realizada polo escultor César Lombera. Ademais, catorce asociacións e institucións da cidade coordináronse para realizar os actos de recoñecemento durante todo o mes. Así por exemplo, a Asociación Amencer, a Facultade de Ciencias da Educación, a Casa da Xuventude e o Centro Cultural da Deputación acollen candansúa exposición de traballos protagonizados por este personaxe. Todas elas abren hoxe agás a da Deputación que se poderá ver a partir do día nove. Entre os días 13 e 19 a Praza de Abastos de Allariz acollerá outra mostra de chistes. Tamén o nove de maio haberá unha mesa redonda na Facultade de Educación que contará coa participación dos humoristas gráficos Xaquín Marín, Pepe Carreiro e Nacho Hortas que analizarán a figura e as peculiridades do Carrabouxo e de Xosé Lois dentro do humor gráfico. O propio autor terá un encontro aberto co público no café Auriense,e o día 24 realizarase unha cea homenaxe no Liceo.

Teatro e libros
As homenaxes ó Carrabouxo desenvolveranse tamén sobre o escenario e nas librerías. A Asociación de Veciños de Eiroás e a Asociación Foula realizarán representacións teatrais sobre O Carrabouxo nas súas sedes o día dezaseis ás oito da tarde e o vintecatro ás oito e media, respectivamente. Dúas publicacións recompilan os traballos realizados por Xosé Lois para "A Nosa e Terra" e para a revista "Ceibe", publicada durante os anos setenta. O xornal "La Región" súmase á homenaxe entregando co xornal catro entregas de vinte laminas, unha de cada un dos vinte anos, os domingos comprendidos entre o doce de maio e o doce de xuño.

Universo culturagalega.gal

04/11/2009

O Carrabouxo actual

Xosé Lois publica unha escolma cos cadriños do Carrabouxo publicados en La Región