O Colexio de Xornalistas celebra a I Semana pola Liberdade de Prensa

Falar da liberdade

O Colexio de Xornalistas de Galicia inicia hoxe, día 26, a I Semana pola Liberdade de Prensa. Reflexionar sobre a situación dos medios de comunicación en Galicia, as condicións en que se desenvolve o traballo xornalístico e analizar a liberdade de expresión ante as novas formas de comunicación son algúns dos obxectivos deste encontro. Outras xornadas que se celebran estes días son as III Xornadas de Defensa da Cultura Galega que organiza o colectivo Sacou en Noia.

Semana da liberdade


A celebración o día tres de maio do Día Mundial da Liberdade de Prensa é aproveitada este ano polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) para celebrar a I Semana pola Liberdade de Prensa. Este encontro iniciase esta mesma tarde na sede do Consello da Cultura Galega cunha conferencia a cargo de José Mariano Gago, profesor catedrático do Instituto Superior Técnico de Lisboa e de Domingo Docampo, rector da Universidade de Vigo e catedrático do Departamento de Tecnoloxías das Comunicacións. Os dous profesionais falarán da sociedade da información no Finisterrae europeo. A continuación, Lois Rodríguez, editor de "Vieiros" e Darío Xaneiro, do Observatorio de Xornalismo e Novas Tecnoloxías presentarán Fwwwrando, a nova canle sobre a sociedade da información desta web.
Para mañá realizarase un debate aberto sobre mecanismos de defensa laboral, contando con representantes de sindicatos de prensa de Portugal e Cataluña e das centrais galegas. O luns abrirase a exposición fotográfica "O berro mudo" de Roberto Ribao no vestíbulo da facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela. Nese mesmo día presentarase o documento do CPXG sobre as prácticas dos licenciados en xornalismo e farase un encontro cos alumnos da Facultade de Ciencias da Comunicación.
O martes o xornalista basco Gorka Landaburu falará no Hostal dos Reis Católicos sobre "A liberdade de expresión: desafíos, ameazas e riscos". O debate sobre a función dos medios públicos e os intereses que manexan os medios privados ocuparán as dúas últimas xornadas.











En defensa da cultura


A Casa da Cultura de Noia acolle a partir de hoxe as III Xornadas en Defensa da Cultura Galega que organiza o colectivo Sacou. Estas xornadas tratarán diferentes aspectos da cultura do noso país, desde a ilustración á historia. A primeira destas xornadas contará coa intervención do debuxante Siro López que falará sobre o humor gráfico galego. Para o vindeiro venres Francisco Calo tentará responder se existe unha orixe celta na poboación galega. En sucesivos venres intervirán Xosé Antón Neira Cruz analizando a necesidade dunha literatura infantil en galego. A última xornada contará coa presencia de Antón Corral, profesor da Universidade Popular de Vigo que falará sobre a construcción dos instrumentos típicos galegos. O dezaoito de maio celebrarase un recital poético o 18 de maio na Serra de Outes con obras de Francisco Añón.