Os proxectos de rehabilitación de dúas asociacións xuvenís acadan premios estatais

Esta xuventude...

A recuperación de muíños e de instrumentos de música tradicional realizada por senllas asociacións xuvenís da comarca do Ulla foron elexidos polo Instituto de la Juventud española para protagonizar uns videos pedagóxicos que se distribuirán por toda Europa. Outra iniciativa de xente nova que coñecemos hoxe é a que se está a desenvolver no instituto número 1 de Carballiño, onde varios alumnos escribiron a autores do país solicitando que doasen as súas obras á biblioteca e no que agora se fará unha exposición co material colleitado.

Recuperación en video


O INJUVE (Instituto de la Juventud) vén de seleccionar cinco actividades con repercusión social realizadas por asociacións xuvenís de todo o estado para realizar uns videos pedagóxicos que se distribuirán por toda Europa. Pois ben, acontece que dúas desta cinco iniciativas son galegas, e máis concretamente da comarca do Ulla.
Por unha banda valorouse o traballo realizado pola asociación Reiceiros de Vedra na recuperación dun instrumento tradicional especialmente arraigado na comarca e que é semellante á flauta traveseira barroca. No seu empeño por recuperar este instrumento, a asociación contactou con vellos requinteiros, recabando abondosa información que se empregará en clases formativas que se impartirán por toda a comarca. Na asociación tamén prevén sacar dípticos informativos sobre a requinta. A selección deste proxecto polo INJUVE está a dar azos, segundo sinala o portavoz da asociacion, Iván García, a que o concello de Vedra recupere a iniciativa de crear unha escola de requinta.
O outro proxecto seleccionado foi a recuperación de muíños de auga que comezou hai anos a asociación Raíña Lupa. Ó proceso de rehabilitación en si, a asociación engadiu a organización dunha ruta sinalizada na que se pode gozar do patrimonio artístico e natural do concello.
Un equipo de profesores das universidades de Granada e de Navarra están a ser os encargados de realizar os videos sobre estes proxectos, nos que se inclúen interpretacións de requinteiros. Estes videos pretenden reflectir o impacto social destas iniciativas e serán traducidos e distribuidos a diferentes idiomas da Unión Europea. Os outros traballos seleccionados en España foron a recuperación de instrumentos antigos de repostería en Huelva, un obradoiro de recollida selectiva en Toledo e outro para elaborar xigantes e cabezudos.











Libros para o Carballiño


O instituto número 1 do Carballiño amosará a partir do próximo luns a exposicíon "Biblioteca de autor", que amosará o material recollido polos estudiantes de Bacharelato e de Secundaria deste centro entre autores do país.
Todo comezou cando os alumnos do centro, animados polo Seminario de Lingua Galega, enviaron cartas persoais a diferentes autores do país interesándose pola súa personalidade e obras. Varios dos escritores contactaron respondéronlles persoalmente ós alumnos e, ademais, fixeron doazóns ó centro das súas propias obras. As cartas dos escritores e as obras que enviaron compoñen a mostra que se abrirá o vindeiro luns, que contén traballos de Xurxo Souto, Manolo rivas, Xabier Docampo ou Xavier Alcalá. Estes dous últimos escritores acudirán ademais á inauguración e darán unha conferencia os alumnos do centro. No mesmo centro están a desenvolverse, esta mesma semana, unhas xornadas de animación á lectura organizadas polo Concello.