Para uns, as festas do San Froilán son as que inauguran o outono e unhas das máis destacadas de Galicia. Para outros, forman parte dunha das tradicións relixiosas máis asentadas no país despois do Apóstolo. En todo caso, o que queda claro é que o San Froilán ten unha parte festiva e outra relixiosa. Destas dúas facetas fala a exposición que se pode ver en Lugo ata o 26 de novembro.
San Froilán é todo un símbolo para os lucentes, case tanto como o son as propias murallas. Entre outras cousas porque, como explica Francisco Singul, comisario da exposición que vén de por en marcha o Xacobeo, “foi o crego máis importante da Galicia de finais do século IX e principios do X”. Amigo persoal do Rei Afonso III, nado e formado en Lugo, fundou mosteiros (Moreruela, Tavara e Valdecésar, por citar algúns) e participou na repoboación do reino de León. “No final da súa vida, explica Francisco o rei chámao á que vai ser a capital do reino de León para que dirixa a sede episcopal, só estivo cinco anos pero foi un lustro moi fecundo”. Este é un pequeno repaso pola figura histórica dun santo que, por outra parte é moi popular, e arredor do que se organizou unha popular dimensión lúdica.
A dimensión festiva
Falar do San Froilán Lugo é como falar das festas do Apóstolo en Santiago. É unha celebración popular e festiva que se celebra na cidade das murallas desde o século XVIII que é cando se inician as feiras en nome do santo. Francisco explica que “eran unhas feiras de gando (daquelas cunha importancia económica destacada) porque ían os labregos á cidade a por mercancías e, de paso, de festexos”. En parte, esta tradición continúa hoxe nas barracas do polbo, coas verbenas e cos lumes de artificio. “Os xogos e todos estes aspectos culturais, etnográficos e populares centran unha parte desta exposición. Precisamente a que se localiza na praza Ángel Fenández Gómez, que rodea ao edificio do Concello de Lugo e están ao abeiro do tramo urbano do Camiño de Santiago. O comisario explica que “son 200 metros cadrados de exposición, no que se vai exhibir a feira do gando, a produción artesanal e etnográfica e será como é como unha síntese do que é o Museo do Pobo Galego en clave lucense levado a este pavillón deseñado especificamente para este espazo”.
A dimensión relixiosa
Na Catedral de Lugo desenvólvese a parte histórica máis antiga e máis relacionada coa biografía do propio santo. Nela preténdese contextualizar histórica e culturalmente a figura e a memoria de San Froilán na cidade de Lugo; relacionar a vida, obra e tempo de San Froilán co reino de Asturias, León e Al-Andalus, en especial pola súa política de repoboación e fundación de mosteiros nunha terra de fronteira. Entre os obxectivos da mesma está tamén o de valorar a figura e o tempo de San Froilán en relación coas peregrinacións xacobeas en época de Afonso III.
A mostra comeza arrinca no século IV e V coas orixes cristiás, para relacionalo posteriormente coa figura de San Froilán. “Aproveitamos ese momento, explica Francisco, para facer a evocación do Lugo-Altomedieval, o da Alta Idade Media, e do século VIII. Coas orixes cristiás, recuperamos a época de Odoario e a posterior eclosión do Lugo da época asturiana. Ademais, dado que Lugo está no tramo entre Oviedo e Compostela do camiño Primitivo, os peregrinos tiñas que pasar por alí”. E así o fixeron reis como Alfonso II “O Castro” ou Alfonso III “O Magno” quen levou no ano 874 unha cruz de ouro e de pedras preciosas que foi roubada en 1906. A réplica en ouro que fixo o Xacobeo coas técnicas medievais e baseadas nas antigas inscricións e fotografías vellas anteriores ao roubo figura nesta exposición. Como tamén o están diferentes elementos que lembran a época na transcorre a lenda de San Froilán “como un capitel do Pazo de Medina Azahara, e mesmo unha xerra califal do século X, que é unha primicia porque se acaba de atopar nunha escavación” descubre Francisco.
No tocante á lenda e á memoria do santo no Lugo do século XII, a mostra destaca esencialmente dous puntos: a construción da catedral románica e do suposto sepulcro de Santa Froila (nai de San Froilán)e a conexión do Santo con Europa, a través dos trazados do camiño.
A mostra no seu contexto
A exposición “San Froilán: culto e festa” está inserida nun programa que o Xacobeo desenvolve este ano 2006 e que ten como idea principal falar do camiño Camiño Primitivo e da peregrinación por Lugo. Con este motivo preparáronse tres actividades: dunha banda un congreso sobre o Camiño Primitivo, doutra unha exposición (aínda aberta na Catedral) sobre os Irmandiños do século XV, mentres que a exposición de San Froilán e a terceira e última parte deste proxecto.
Malia que é unha revisión en clave lucense da vida de San Froilán, o feito de que fose bispo de León explica o interese por parte do museo de León (a piques de inaugurarse) sobre esta exposición. “Non sabemos aínda se será a mesma mostra, ou se simplemente se prestarán obras” explica Francisco.
