Os espazos destinados ao descanso e á paz espiritual consolídanse como unha alternativa turística en Galicia

TURISMO CARA B: Na busca da paz

Non só se viaxa na busca de novas experiencias ou coa idea de coñecer outros lugares e xentes. Hai que busca nos seus destinos turísticos unicamente un espazo agradable onde descansar e desconectar completamente do mundo. Un xeito diferente de ver un país do que estamos bastante servidos en Galicia.

Traslados continuos, horarios de visita, aproveitar ao máximo cada día no destino para coñecer todo o que se poida antes de voltar, mercar recordos para familia e amigos... Hai que prefire vivir as súas viaxes doutro xeito. En realidade, quen máis quen menos, nalgún momento da vida todo o mundo ten gana de se retirar unha temporada a un lugar no que unicamente se poida estar tranquilo. Pasear, durmir, descansar, estar en silencio ou aproveitar para se someter a masaxes, terapias de relaxación ou sesións de meditación son actividades abondas para atraer un número crecente de visitas.

Como exemplo destacado, a prensa galega recollía recentemente os datos sobre as visitas a balnearios do país. Este sector, unha das propostas máis clásicas para o relaxamento, viu como se multiplicaba por tres o seu número de usuarios ao longo dos últimos sete anos. Deste xeito, o pasado ano chegouse aos 100.000 clientes nestes establecementos. De todos os visitantes, a metade veñen do noso propio país, polo que non debemos pensar que a necesidade de fuxir do stress é cousa dos habitantes de grandes metrópoles.

Alén dos balnearios, no país contamos cunha serie de destinos orientados en boa medida a este tipo de clientes. Casas de turismo rural perdidas da civilización. Mosteiros onde se pode recluír un durante unha temporada. Aloxamentos orientados ás terapias alternativas... Hai variedade de propostas e de prezos.


ONDE IR

A paz medieval en Sobrado dos Monxes
Quizais o xeito máis tradicional de retiro que existe na civilización occidental é a vida monástica. Desde a Idade Media os mosteiros son remansos de paz afastados do mundo. Sen que sexa necesario meterse a monxe, existen lugares deste tipo que ofertan a posibilidade de aloxamentos temporais. Sobrado dos Monxes (A Coruña), por exemplo, funciona como hospedaría monástica. Segundo nos explica o responsable do aloxamento "aquí veñen persoas que veñen uns días de retiro espiritual". Aínda que situada nun anexo do edificio, os visitantes comparten os horarios da comunidade monástica e mesmo se lles anima a compartir os rezos diarios. Paseos, silencio, un contorno monumental e unha tranquilidade de séculos a trinta euros por persoa e noite no inverno.

Web do mosteiro

Outro xeito de ir ao mosteiro, Santo Estevo
Se non seduce a idea de ir literalmente onda os frades, existe a posibilidade de gozar do seu ambiente de calma nalgún dos múltiples mosteiros que se transformaron en aloxamentos. O Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Ourense, é un bo exemplo deste tipo de instalacións. Un lugar retirado no medio da natureza permite pasear e levar un retiro contemplativo con todas as comodidades dun establecemento hostaleiro de calidade.

Web do Parador


Cuncas tibetanas no Morrazo
Este centro, situado na punta do Morrazo, está orientado de cara ás terapias de son coas cuncas tibetanas ou gongs. Ademais de recibir tratamento deste xeito, acolle abondosos talleres de formación nestes campos e encontros de diferentes grupos dedicados ás terapias alternativas, a meditación e prácticas semellantes, para os que oferta salas de traballo e todo tipo de material. Permite tamén o aloxamento individual "para persoas que buscan a tranquilidade ou o silencio para poder renovar o contacto co seu interior e coa natureza".

Web do centro


A alba en Antas de Ulla
Co nome de casa de repouso, é este outro centro destacado para terapias alternativas. Obradoiros de ioga, taichi ou meditación, para grupos organizados ou abertos ao público, son parte da axenda habitual deste aloxamento en antas de Ulla. De acordo coa súa especialización, o establecemento está construído seguindo as normas do Feng-Shui e mediante sistemas de bioconstrución. Adaptado para mascotas e minusválidos, oferta dietas particulares e terapias do máis variado, desde plantas medicinais a magnetoterapia ou hidroterapia en sesións individuais. Conta 4.000 metros cadrados de finca privada e unha sala especial para meditación e actividades. A escoller.

A casa da alba


Ir ben lonxe: Semáforos de Bares e de Fisterra
De acordo. É certo que calquera casa de turismo rural achega a posibilidade de se afastar do ruído do mundo. Claro que hai a quen lle axuda que canto máis afastada mellor. Bos lugares para isto son os semáforos, antigos edificios de control marítimo situados mesmo á beira do mar. Dous dos principais cabos do país, Fisterra e Bares, viron como estas instalacións pasaron a ser locais de hostelaría. O Semáforo de Bares, que asegura ser o establecemento hostaleiro máis ao Norte da Península Ibérica, está situado ao carón da coñecida Estaca, no cumio dun monte e a uns quilómetros do primeiro núcleo habitado. Só seis habitacións desde as que ollar o mar e unha estupenda vista sobre as rías do Norte. Pola súa banda, o de Fisterra sinala ser o establecemento máis occidental da Península, e destaca as súas vistas únicas cara ao Atlántico.

O Semáforo de Bares
O Semáforo de Fisterra


O retiro clásico: Mondariz
Balnearios hai cada vez máis polo país, e están a se consolidar, con diferentes ofertas de fin de semana ou de temporada baixa, como unha alternativa para desconectar durante uns días. Quizais o máis famoso sexa o de Mondariz, centro destacado da vida social europea de comezos do século XX. Mantendo a súa tradición, o establecemento achega toda unha gama de tratamentos con augas medicinais, ademais dun luxoso aloxamento, un campo de golf, un delicado restaurante e toda unha serie de servizos que favorecen o illamento de quen o desexar.

Web do balneario


Día asnal en Barro
O parador de ti mesmo é o nome dun curioso centro dedicado ao relax en Barro, Pontevedra. Este lugar, ademais de ofertar cursos de formación en ioga e terapias alternativas ou bio-aulas para darlle a coñecer a natureza aos máis pequenos, acolle as instalacións de Andrea, unha asociación dedicada ao coidado e á recuperación de asnos abandonados. Estes animais empréganse en sesións de Asinoterapia con nenos para tratar cuestións coma hiperactividade, nerviosismo ou depresión. O espazo conta tamén con cuartos e instalacións para diferentes actividades.

Máis sobre este particular centro