As posibilidades dos ríos como espazos de lecer están aínda nunha fase inicial de desenvolvemento en Galicia

TURISMO CARA B: O que leva o río

Sendo o País dos Mil Ríos, Galicia debía ter desenvolvida nos últimos anos unha ampla oferta turística aproveitando os múltiples atractivos destes espazos. Na actualidade os ríos fan parte das propostas de rutas naturais ou dos atractivos paisaxísticos do país mais boa parte das súas potencialidades están aínda pouco explotadas. Desde o valor patrimonial aos empregos deportivos, os nosos cursos fluviais son un valor de primeira orde.

Está moi de actualidade o debate sobre a saúde dos nosos ríos. Os saltos hidroeléctricos, as invasións de cursos e os vertidos incontrolados fan que moitas das súas augas xa non corran tan limpas nin libres como hai anos. Para alén, nin sempre se respecta a vexetación de ribeira e a falta de emprego deixa conxuntos etnográficos coma batáns, lavadoiros e muíños a esmorecer. De calquera xeito, en tendo mil ríos, non se pode negar que aínda hai un bo feixe de tramos que achegan posibilidades para todo tipo de propostas de ocio. Ademais nos últimos anos está a se desenvolver un intenso traballo de recuperación patrimonial que aposta polas construcións populares coma un factor de atracción, como se pode ver, por exemplo no conxunto de muíños do Río Barosa, en Barro.

Proposta desde a empresa
Unha empresa pioneira en aproveitar as posibilidades dos nosos ríos para o ocio foi Turnauga, que iniciou a súa actividade xa en 1992. "Desde moitos anos antes estivemos inspeccionando os nosos ríos, e desde logo confiamos no proxecto, cada día máis", explica Cheche Comojo desde a entidade. Entre as propostas que realizaron neste tempo está desde cursos de natación en praias fluviais ata windsurf en encoros pasando por barranquismo, piragüismo ou vela, conseguindo unha aceptación que medra día a día.

Ollar e mollarse
O amplo patrimonio natural dos ríos, con espazos coma a cunca do Miño, declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO, é todo un atractivo para os afeccionados ao contorno máis puro. Este verán era noticia a posta en marcha dunha espectacular iluminación para a fervenza do Xallas, coñecida pola súa actividade só en horas marcadas. Casas de turismo rural, grupos de deportes acuáticos... existen por todo o país un bo feixe de propostas arredor destas augas, pero rara vez transcenden o ámbito local ou comarcal. Van aí algunhas destas ideas que, sen dúbida, se poderían estender a outras áreas do país.


ONDE IR

Un encoro de luxo en Noia
Aínda que a polémica sobre o dano que lle fan os encoros aos nosos ríos, de cando en cando estas construción ofertan posibilidades para o turismo. É o caso do senlleiro encoro Barrié de la Maza, que contén o Tambre no Concello de Noia. Rematado en 1945, foi a primeira grande presa para a produción eléctrica en Galicia. Ademais dun contorno envexable, o conxunto conta cunha central eléctrica obra do arquitecto Antonio Palacios, e de instalacións anexas que se teñen integrado no hotel rural Pesqueira do Tambre.
Web do Hotel


Polo río abaixo: O rafting
Son moitos os ríos do noso país que ofertan posibilidades para que os máis ousados poidan practicar o descenso en barca pneumática coñecido coma rafting. Segundo sinalan no web da empresa Arrepións, especializada nestes servizos, en ríos coma o Miño teñen no outono un dos mellores momentos para práctica. Desde Turnauga apuntan que estamos na mellor época para descender deste xeito o Ulla. A escoller.
Turnauga
Arrepións


A apañar a cea en Xuvia e na Ulloa
Sen dúbida é unha das actividades deportivas máis populares no noso país. Os ríos galegos, sen ser o paraíso que eran, achegan un lote de posibilidades para a pesca. Troitas, reos, salmóns ou anguías son só algúns dos trofeos que se disputan os afeccionados e que os levan a cuncas coma a do Ulla ou a do Xuvia, en Narón. Activos grupos de pescadores achegan a Internet completa información sobre estes lugares. Contornos naturais privilexiados e a posibilidade de acabar a xornada cunha cea apañada por un mesmo son atractivos que moita xente aprecia.

O web do Xuvia
Os pescadores da Ulloa
Toda a información sobre temporada de pesca no web da Consellaría de Medio Ambiente


Deportes náuticos en Castrelo
Non só de rafting vive o home. De novo os encoros achegan oportunidades para o turismo. En Castrelo de Miño, por exemplo, contan cun veterano club náutico no que desenvolven actividades habitualmente marítimas. Veleiros, esquí acuático, windsurf, remo... cursos e competicións teñen como escenario este espazo. De xeito semellante, outros encoros do noso país empréganse para deportes deste tipo.

O Club Náutico de Castrelo de Miño


O que sae das augas: Portomarín
No noso país son habituais as lendas sobre cidades mergulladas en lagoas. En Portomarín, como noutros lugares da nosa Xeografía, as augas do encoro de Belesar cubriron a aldea antiga. O descenso do nivel do encoro deixa ao descuberto, durante boa parte do ano, as ruínas de casas, rúas, estradas e pontes. O peculiar panorama chama a atención de moitos visitantes, que aproveitan para visitar a vila nova, onde se trasladou a igrexa de San Xoán e outros edificios de importancia patrimonial. Ademais, a vila conta, como Castrelo de Miño, co seu propio club náutico.

Imaxes do Portomarín Antigo nesta e
nesta web
o Clube Náutico Xacobeo


Viaxar sentados polo río Sil

Ademais do coche, o tren, o autobús ou a bicicleta existe a posibilidade de ver a Ribeira Sacra desde o propio río Sil. Unha ruta de catamaráns ofrece durante hora e media unha visión única deste privilexiado espazo mediante varias rutas panorámicas. A empresa que achega este servizo tamén programa excursións completas co traslado á zona desde diferentes puntos do país.

Web dos catamaráns do Sil


A se bañar na poza: Melón

Máis ou menos acondicionados, por todo o país existen zonas fluviais que son axeitadas para o baño. No concello de Melón, por exemplo, existen unhas pozas con fama de seren de auga límpida de abondo fresca e que son empregadas habitualmente con este fin. Ademais do baño en si, o contorno ofrece espectaculares fervenzas e unha frondosa vexetación de ribeira.

Imaxes das pozas neste web
e máis información sobre o lugar en Lugaresnaturistas.org