As peculiaridades do turismo en familia permiten desenvolver rutas específicas para ver Galicia

Turismo Cara B: Un pequeno país

Estamos a pensar en facer unha saída e ver algún novo recanto no que gozar da beleza do país ou regalarnos cunha exposición ou evento cultural co que expandir a nosa sensibilidade. E mentres discutimos se o último festival de ópera, a mostra de arte contemporánea ou a aldea perdida da que nos contaron se xanta tan ben, entran a correr berrando no salón os nenos a lembrar, indirectamente, que eles teñen os seus propios intereses e necesidades e que o mesmo tamén lles gustaba ver algunha cousa. Aínda ben que algunha posibilidade hai.

Aínda que para moitos o momento de ter descendencia supón unha diminución na súa actividade turística e cultural, hai xente abonda que non se resigna e aposta por verlle xeitos de compatibilizar os intereses propios co dos fillos no lugar de deixarllos aos avós mentres se fai a viaxe. Atentos a este mercado, cada vez son máis os hoteis e casas de turismo rural que achegan servizos e espazos especializados para as idades máis tenras. A nivel estatal, mesmo existen xa portais coma babyviajes.com pensados especificamente para este tipo de clientes. Aínda que é certo que o número de fillos non é que estea a medrar dun xeito desmesurado, si que se incrementan as demandas dun turismo que teña en conta peculiaridades deste tipo.

Cuestión de sono
O adaptados que estea o aloxamento para recibir nenos é un dos factores nos que máis incide este tipo de publicacións. Dispor de cambiadores para os cueiros no cuarto, berces, quentadores para biberóns, menús infantís, aparellos de escoita para mentres o neno durme... Toda unha serie de pequenas comodidades que poden facer que uns pais opten por un lugar concreto. A nivel de turismo rural, por exemplo, existen establecementos con contan con instalacións específicas para xogar ou que contan cunha pequena granxa destinada a que os pequenos poidan coñecer os animais. En canto a hoteis, as posibilidades increméntanse e chegan a incluír servizos de canguro para poder facer pequenas escapadas, piscinas e pistas deportivas ou actividades de
animación.

As artes infantís
De cara a unir intereses, non cabe dúbida de que os museos dedicados á Arte Contemporánea son algúns dos centros que máis se preocupan por desenvolver actividades destinadas á infancia. No noso país tanto o Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa como o CGAC, o MARCO ou a Fundación Granell achegan habitualmente propostas de obradoiros ou de visitas guiadas para achega a arte ás idades máis curtas, unhas achegas que se incrementan durante os meses verán. Canda a eles, é habitual que as grandes mostras que se organizan ao abeiro das obras sociais das caixas de aforros ou as que desenvolve a Fundación Barrié conten tamén con propostas ou materiais específicos para os nenos.

Só para eles
Ademais de aloxamentos nos que os máis pequenos se encontren a gusto, existen, evidentemente, destinos que están pensados en boa medida para o seu ocio. Aínda que en Galicia non abundan, as propostas máis habituais neste sentido adoitan ser parques de atraccións, grandes instalacións con animais ou espazos de ocio. O Aquapark de Cerceda, Vigozoo ou algunhas pistas de Karting coma as de Sanxenxo, Vigo ou Santa Comba son os principais exemplos que temos neste sentido no país. Claro que, como acontece de cotío, moitos destes espazos acaban ofertado diversión tanto aos pais coma aos fillos.

Desexos pequenos
A oferta que desde os centros culturais e mais dos destinos turísticos do país se fai neste sentido é polo momento cativa. Semella que nos últimos anos, aos poucos, vaise incrementando a oferta neste sentido, e que as institucións culturais e os encargados de negocios turísticos vanse decatando do público potencial que poden achegar estas visitas. Há ser cuestión de tempo que os establecementos hostaleiros adaptados e os centros con programacións e contidos específicos sexan maioría e non excepción. Mentres, aí van as nosas propostas.


ONDE IR:

Arte e ciencia na Coruña
De cara a unir un pouco o interese dos pais co dos nenos, A Coruña supón un destino privilexiado. As exposicións interactivas dos Museos Científicos Coruñeses poden contentar facilmente todos os membros dunha familia. Especificamente para os máis novos, prográmanse sesións especiais do Planetarium (entre elas "En busca del agua"), e cada fin de semana xogos, e a posibilidade de botar unha noite durmindo no Aquarium entre os tiburóns... Canda a eles, o Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa achega as súas propias propostas, coma os "Concertos en familia" que se desenvolven cada domingo.
As propostas dos Museos Científicos
A programación infantil do Planetario
Unha ollada aos concertos do Macuf
O noso tema sobre os Museos Científicos


Á auga en Ferrol
Outra perspectiva sobre a auga é que a que se pode encontrar en Ferrol no parque Aquaciencia, unha iniciativa que amosa, a partir de diferentes propostas interactivas, as aplicacións e peculiaridades da auga. O seu emprego, composición, propiedades físicas, paisaxes... Todo pensado para entreter e educar aos máis novos.

O web de Aquaciencia


Xogos ourensáns
Velle, en Ourense, supón un destino dedicado especificamente aos xogos pode axudar a que os máis novos compartan con pais e avós os entretementos máis tradicionais. A billarda, a chave, e diferentes xogos de campo e de mesa están a disposición dos visitantes, que contan tamén cun nutrido compoñente didáctico.

Un artigo sobre O Palao na revista Interea
O noso tema sobre O Palao


Cargarse de enerxía nas Pontes
As diferentes formas da enerxía son a temática central do parque eólico experimental Sotavento, situado a dez quilómetros de As Pontes. Explicacións sobre como funcionan os muíños, os diferentes xeitos de conseguir enerxía, os empregos tradicionais do vento e a auga e mesmo unha mostra das rochas máis significativas do noso país conforman os contidos deste proxecto.

Web de Sotavento


Ao tren en Ourense
Unha proposta orixinal é a que achega desde Ourense o colectivo Carrileiros da Asociación Cultural Foula. Este grupo especialízase en facer actividades para nenos centradas no mundo do ferrocarril. Ademais de excursións a diferentes lugares relacionados cos trens, maquetismo e outras propostas relacionadas co mundo das vías, o colectivo puxo en marcha un parque ferroviario na área cultural de San Francisco, na Cidade da Burgas. Alí circula, sobre trescentos metros de vía, unha serie de convois a escala de cinco polgadas que poden ser montados polos máis pequenos. Unha experiencia sen dúbida única no país.

O web dos Carrileiros


Artes e animais en Vigo
Con longos anos de experiencia e en proceso de modernización, o Vigozoo, na Madroa, é unha opción coñecida de hai tempo no noso país para quen guste de ver animais en instalacións deste tipo. Vigo, de calquera xeito, achega tamén actividades de arte a través das propostas didácticas do seu Museo de Arte Contemporánea.

Vigozoo