Os seis proxectos das Residencias Artísticas no Gaiás comezan a súa andaina

Cada unha das propostas seleccionadas disporá de 8.000 euros para o seu desenvolvemento

Cada unha das propostas seleccionadas disporá de 8.000 euros para o seu desenvolvemento
Presentación dos proxectos da REGA 2025. Fonte: Cidade da Cultura
A Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, acollía este 11 de setembro a presentación dos seis proxectos que se benefician do cuarto programa de Residencias Artísticas no Gaiás (REGA). Cada unha das propostas seleccionadas poderá desenvolverse nas instalacións do complexo e contará cun apoio económico de 8.000 euros.

En concreto, na categoría de artes escénicas o xurado profesional escolleu os proxectos Aburrimento, de Marta Alonso Tejada e Dream On, de Antuán Rivas. O primeiro consiste nun laboratorio de elementos escénicos interactivos dirixidos a crianzas, familias e docentes a explorar arte e educación mediante escenografías efémeras que facilitan a exploración mediante xogo libre e guiado. Dream On, á súa vez, é unha proposta escénica na que se realiza "unha crítica á nostalxia dun pasado que, segundo o autor, parece omnipresente no discurso mediático actual e nas redes sociais".

Na categoría de artes dixitais, que se convoca por vez primeira nesta xeira, Alberto Castaño explora en Cerebral 4.0 as posibilidades de controlar de maneira consciente instrumentos musicais virtuais empregando tan só as ondas cerebrais. Canda a esta proposta, en Cidade sonora o músico e antropólogo asturiano Andrés Rodrigues, canda ao fotógrafo e realizador de Ourense Iván Nespereira propoñen crear un arquivo sonoro e visual da Cidade da Cultura combinada coa a composición dunha peza de música vangardista coa que achegan "unha nova forma de representar e vivir a contorna do Gaiás"

Finalmente, a valenciana Mar Ramón Soriano investigará no proxecto Desde a fonte do pobo ata un piso no terceiro nivel as relacións culturais, económicas e emocionais entre Galicia e o Reino Unido a comezos do século XX para dar forma a un atlas escultórico no que a cerámica terá unha presencia especial. Pola súa banda Loaira Pérez desenvolverá, na categoría de Deseño, o proxecto Azulexería a experimentar coa creación dunha serie de murais de azulexos cerámicos volumétricos e coas relacións entre arte culta e popular.

As autoras dos proxectos seleccionados disporán de entre tres semanas e mes e medio para traballar ademais de contar con recursos técnicos e humanos e acompañamento de persoas mentoras especialistas nas áreas de cada proposta.